Esta acción municipal está incluída no Plan de medidas correctoras da zona de mercado residencial tensionado. Trátase dun servizo do Concello para prestar atención a persoas arrendatarias e arrendadoras a través da entidade do terceiro sector Provivienda de forma telefónica, telemática dende este 15 de xuño, coa finalidade de impulsar o dereito á vivenda no marco das competencias municipais.
O concelleiro de Urbanismo e Vivenda, Iago Lestegás, e Ana Pardo e Cristina Serantes de Provivienda, compareceron este luns en rolda de prensa para explicar o servizo municipal de asesoramento en materia de alugueiro que comeza a funcionar este luns e que, inicialmente, estará activo durante 12 meses. Provivienda será a entidade que preste este servizo do Concello.
Concretamente, o servizo prestarase de forma telemática e telefónica e presencial dous días á semana en horario de 9.00 a 14.00 horas. Os venres prestarase en modalidade presencial na sede de Urbanismo, sita no número 8 da rúa das Casas Reais, e os martes prestarase por teléfono a través do número 671 941 127. En caso de que o día de atención sexa festivo, a atención trasladarase ao día laborable inmediatamente anterior. Habilitouse tamén un correo electrónico (aluga@santiagodecompostela.gal) para responder consultas e para solicitar cita para atención presencial.
Iago Lestegás expresou a súa confianza en que a posta en marcha deste servizo “lle faga a vida máis fácil a moitas persoas en Santiago de Compostela”. Pola súa parte, a responsable de Provivienda en Galicia, Ana Pardo, considerou que supón “un paso adiante que vai mellor a situación tanto dos propietarios como dos inquilinos, vai achegar vivendas ao mercado e facilitar o acceso á vivenda”.
Asesoramento a persoas a arrendatarias e arrendadoras
Este novo servizo diríxise tanto a persoas arrendadoras como a persoas arrendatarias (é dicir, ás dúas partes que interveñen nun contrato de alugueiro: caseiros e inquilinos, ou potenciais caseiros e potenciais inquilinos). Proporcionará información e asesoramento sobre calquera cuestión relativa ao alugueiro residencial, incluíndo, entre outras, o seguinte:
Entre outras cuestións, ofrecerá información sobre a normativa vixente, con énfase na regulación aplicable nas zonas de mercado residencial tensionado ou as modificacións recentes da Lei de arrendamentos urbanos e outras medidas con incidencia no mercado de alugueiro.
Tamén orientará as persoas arrendatarias sobre como deben proceder ante a imposición por parte das persoas arrendadoras de contratos de tempada ou fórmulas de alugueiro por cuartos que non cumpran a normativa vixente e as condicións aplicables.
Dará asesoramento ás persoas arrendatarias sobre como deben proceder en casos de incumprimento dos límites legais do prezo do alugueiro ou outras condicións aplicables aos contratos de alugueiro de vivenda.
Asesorará sobre o prezo máximo aplicable a cada contrato, sobre os dereitos e obrigas que derivan da declaración do municipio como zona de mercado residencial tensionado e sobre as demais medidas previstas na lexislación, como por exemplo os incentivos no IRPF previstos na lei para os arrendamentos de vivenda que cumpran determinadas condicións de prezo ou de perfil arrendatario. Tamén informará sobre as prórrogas aplicables aos contratos.
Plan de medidas correctoras da ZMRT
Este servizo forma parte das actuacións incluídas no Plan de medidas correctoras dos desequilibrios na zona de mercado residencial tensionado (ZMRT), na medida C3: mellorar a colaboración con outras administracións e co terceiro sector. Coa súa posta en marcha, o goberno municipal dá un paso máis na implementación da súa folla de ruta en materia de vivenda.
A crecente complexidade regulatoria do mercado de arrendamento residencial motiva a posta en marcha deste servizo municipal, co fin de mellorar o coñecemento de ambas as partes sobre os seus dereitos e deberes para reforzar o cumprimento da normativa, nomeadamente tras a declaración de Santiago como zona de mercado residencial tensionado.
Servirá ademais para crear un sistema de rexistro e seguimento das consultas que permitirá elaborar informes trimestrais e un informe anual sobre a situación do mercado de alugueiro residencial en Santiago, cunha finalidade estatística.

