O mercado municipal de Carballo saborea o San Xoán cunha programación especial que inclúe gastronomía e premios

Redacción

• A Concellaría de Feiras e Mercados impulsa o produto local coincidindo co arranque das festas grandes do concello

• O xoves 18 haberá unha degustación gratuíta de petiscos da época e o venres 19 sortearase unha gran cesta con produtos do propio mercado

O mercado municipal de Carballo celebra o San Xoán cunha programación especial que ten o obxectivo de enchelo de vida e sabor, unindo o produto fresco e de proximidade co espírito das festas patronais.
A axenda arrinca esta semana apuntando directamente ao padal dos carballeses e carballesas, así como das persoas que visitan a localidade nestas datas tan sinaladas, a través de dúas xornadas pensadas para dinamizar o espazo e premiar a fidelidade da clientela.
• Xoves 18 de xuño | Petiscos de San Xoán: O mercado transformarase nun escaparate do mellor produto de tempada cunha degustación de petiscos elaborados con produtos típicos desta época mercados na propia praza. Para poder desfrutar desta iniciativa, a clientela obterá os vales ao realizar as súas compras en calquera posto.
• Venres 19 de xuño | Sorteo dunha gran cesta de San Xoán: Como homenaxe ao comercio local e para agradecer o apoio diario á praza, sortearase unha gran cesta cargada de produtos frescos e de máxima calidade doados polos propios praceiros e praceiras. Nos últimos días, a clientela xa está recibindo coas súas compras os boletos para participar no sorteo.
Dende o Concello convídase a toda a veciñanza a achegarse á praza de abastos para vivir o San Xoán e saborear a excelencia do produto local nun ambiente inmellorable.

Comparte este artigo