As contratacións a través desta liña, que xestionou o Goberno local para acadar unha financiación da Consellería de Emprego, son por 9 meses a xornada completa
Os e as integrantes do obradoiro levarán a cabo tarefas de mantemento e limpeza en diferentes áreas, como A Tafona ou a contorna da Fábrica da Luz, así como nas parroquias e no casco urbano
O alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, deu este martes a benvida ás 20 persoas que integran a quinta convocatoria do Obradoiro de Emprego ‘Os Camiños do Camiño’. A través desta iniciativa, o Goberno incorpora de xeito temporal a xente en situación de desemprego, despois de que non puidese acceder ao programa nos últimos anos, ao contar con menos de 500 desempregados. Co cambio de criterio realizado pola Xunta de Galicia, que agora pon o límite en 300, Caldas de Reis puido volver a solicitar unha subvención para acometer esas contratacións temporais. O programa finánciase a través dunha achega da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que ascende a un total de 468.052 euros. Os contratos serán a xornada completa, cunha duración de nove meses.
Os e as integrantes do Obradoiro de Emprego ‘Os Camiños do Camiño’ recibiron na mañá de hoxe unha primeira clase teórica. Hai que lembrar que o Concello empregará a 10 persoas en tarefas de albanería e outras tantas para labores de carácter forestal e de xardinería, centrándose na conservación e mellora de zonas verdes.
En concreto, estes grupos traballarán na mellora e mantemento do espazo no que se empraza a antiga Fábrica da Luz, na Fervenza do Segade. O obectivo é promover a súa recuperación paisaxística e patrimonial. Ademais, tamén se poñerán a punto diferentes camiños e rutas de sendeirismo, así como A Tafona. Están previstas actuacións en diferentes parroquias para o arranxo de fontes e lavadoiros.
O feito de retomar ‘Os Camiños do Camiño’ reafirma o compromiso do Goberno local á hora de consolidar ferramentas e propostas que faciliten a formación e a captación de emprego para os seus veciños e veciñas, así como o emprendemento. A día de hoxe, Caldas de Reis presenta unha taxa de paro do 8,13%, a máis baixa en máis de 20 anos. “Hai dez anos ese rexistro estaba por riba do 21%, e apenas baixaba do 13% hai un lustro. Isto quere dicir que seguimos na liña correcta, pero temos claro que hai que continuar promovendo iniciativas, coa colaboración doutras institucións, para facer que estas cifras continúen baixando”, indicou Pérez Gulín, que tamén salienta o esforzo que realiza o Concello en materias como a conciliación familiar.

