Tras a desestimación do seu recurso de reposición, a fronte nacionalista acusa o alcalde de vulnerar dereitos fundamentais e de converter o Pleno extraordinario nunha “pantomima” para evitar dar explicacións
Considera que a ratificación da imputación penal por homicidio imprudente da concelleira de Seguridade fai aínda máis necesario que o alcalde “dea a cara”
Xabier P. Igrexas: “Abel Caballero leva 682 días sen responder a ningunha pregunta nin dar ningunha explicación sobre un accidente nunha atracción que estaba funcionando a pesar de non contar con permiso municipal”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo vén de presentar unha queixa de urxencia perante a Valedora do Pobo para solicitar o seu amparo diante da decisión do alcalde de Vigo, Abel Caballero, de impedir a súa propia comparecencia no Pleno extraordinario convocado este venres para abordar a xestión municipal do accidente mortal da atracción Saltamontes.
A iniciativa prodúcese despois de que o Goberno municipal desestimase o recurso de reposición presentado polo BNG contra o acordo que veta a comparecencia do rexedor, unha decisión que, segundo a fronte nacionalista, supón unha “grave vulneración de dereitos fundamentais” e un “atropelo antidemocrático”.
O portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, denunciou que a resolución do alcalde “descoñece e non dá resposta á sólida argumentación e invocación normativa e xurisprudencial formulada no recurso”, insistindo nunha decisión contraria a Dereito. “Pretende facer que sexa a maioría do seu grupo de goberno a que decida se o alcalde ten ou non que dar explicacións diante do máximo órgano de representación democrática da cidade”, criticou.
Control democrático
Desde o BNG consideran que a negativa de Caballero busca baleirar de contido o Pleno extraordinario solicitado pola oposición. “É claro que a intención de Caballero con esta decisión, contraria a Dereito, é reducir o Pleno extraordinario a unha pantomima, a un acto de trámite, no que o seu rodete absolutista tentará sepultar o asunto”, afirmou Igrexas.
A fronte nacionalista reprocha ademais que o alcalde continúe sen ofrecer explicacións públicas sobre os feitos acontecidos nas festas de Matamá. “Abel Caballero leva 682 días sen responder a ningunha pregunta nin dar ningunha explicación sobre un accidente nunha atracción que estaba funcionando a pesar de non contar con permiso municipal”, sinalou o portavoz nacionalista, quen asegurou que “a única razón pola que non vai comparecer no Pleno deste venres é directamente porque non quere facelo”.
Neste sentido, o portavoz municipal nacionalista considerou que “un alcalde que se nega a dar a cara non é digno de ser alcalde” e cualificou o silencio do rexedor como “unha indecencia inaceptábel e un vergoñento insulto a todas as viguesas e vigueses, a principiar pola familia do falecido, as persoas feridas e a veciñanza de Matamá”.
Igrexas preguntouse “Que diría Abel Caballero se ese comportamento o tivese outro responsábel político, poñamos por caso da Xunta de Galiza ou da Deputación? Non estaría o grupo socialista esixindo, con toda a razón, a comparecencia no Parlamento ou no Pleno provincial?”. “A resposta a esas preguntas é o mellor espello para ver até onde chega o seu cinismo miserábel”, concluíu.
Ratificación da imputación
A formación nacionalista entende que a comparecencia do alcalde resulta aínda máis necesaria despois de que o Xulgado de Instrución ratificase a imputación penal da concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez Calviño, por un delito de homicidio por imprudencia. “Se o alcalde confía e defende a xestión da súa concelleira porque se esconde?, interpelan.
Segundo destacou Igrexas, o auto xudicial coñecido este luns rexeita os argumentos da defensa da edil e reforza os indicios sobre a súa responsabilidade na xestión do accidente. “O intento da señora Rodríguez Calviño de non asumir ningunha responsabilidade, e aínda peor de pretender responsabilizar a Policía Local, recibiu unha contestación tan rotunda como inapelábel por parte do xuíz instrutor”, afirmou.
O portavoz nacionalista salientou que a resolución xudicial considera acreditado que a concelleira asinou a resolución pola que non se autorizaba a atracción cando esta levaba xa case dous días funcionando e que o problema relevante non era unicamente o fallo mecánico que provocou o accidente, senón o feito de que unha atracción non autorizada estivese operando sen que se adoptasen medidas eficaces para impedir o seu funcionamento.
Encubrimento político
Para o BNG, as consideracións recollidas no auto reforzan a necesidade de que o alcalde compareza ante o Pleno e explique a actuación do Goberno municipal. “Estas afirmacións tan graves por parte do xuíz de Instrución motivan con aínda máis razón a necesidade absolutamente imperativa de que o alcalde deixe de agocharse e compareza diante do Pleno”, sostivo Igrexas.
A fronte nacionalista reiterou a súa demanda de cesamento inmediato da concelleira de Seguridade e advertiu de que a negativa do alcalde a dar explicacións agrava a crise política derivada do accidente.
“Porque o seu silencio só poderá ser interpretado como un acto de deliberada complicidade e encubrimento en favor dunha concelleira que debeu ser cesada”, concluíu o portavoz municipal do BNG.

