A Xunta anima á poboación a consultar a información sobre radiación ultravioleta de MeteoGalicia para protexerse dos efectos do sol durante o verán

Redacción
  • Ángeles Vázquez pon en valor o esforzo que vén realizando MeteoGalicia para ofrecer datos detallados sobre esta cuestión para todos os concellos galegos con previsión hora a hora para o propio día e as dúas xornadas seguintes
  • Salienta que Galicia se sitúa entre as comunidades autónomas con maior capacidade de monitorización do índice ultravioleta ao contar con cinco estacións de medición
  • Incide en que nun contexto de cambio climático a información meteorolóxica é nunha ferramenta fundamental para anticipar riscos e adoptar medidas preventivas

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, animou hoxe á poboación a consultar a información que ofrece MeteoGalicia sobre radiación ultravioleta para protexerse dos efectos do sol durante o verán e desfrutar das praias e das actividades ao aire libre dunha forma segura e responsable.

Durante unha visita á praia urbana de Laxe, Ángeles Vázquez salientou que nun contexto de cambio climático, no que os episodios de calor intensa e os períodos con elevados niveis de radiación solar son cada vez máis frecuentes, resulta esencial adoptar hábitos de prevención para protexer a saúde.

Nese senso, a conselleira, que estivo acompañada do alcalde, Francisco Charlín, puxo en valor o esforzo que vén realizando MeteoGalicia para ofrecer información detallada sobre o índice ultravioleta para todos os concellos galegos con previsión hora a hora para o propio día e as dúas xornadas seguintes. Isto permite monitorizar de xeito completo a radiación ultravioleta ofrecendo á cidadanía información de utilidade para coñecer a evolución do índice ao longo do día e saber cando a exposición é menos perigosa para a saúde.

Nesa liña, a conselleira lembrou que a radiación ultravioleta pode alcanzar niveis moi elevados mesmo en días con néboa ou con temperaturas moderadas, polo que “é importante adoptar medidas de protección independentemente da sensación térmica”.

Para ofrecer esta información, MeteoGalicia conta na actualidade con cinco estacións de medición desta cuestión, localizadas en Ribadeo, Ferrol, Marín, Baiona e Cervantes, e cuxos datos están á disposición da cidadanía a través da páxina web do organismo. “Esta rede sitúa a Galicia entre as comunidades autónomas con maior capacidade de monitorización deste fenómeno”, incidiu Ángeles Vázquez.

Logo de explicar que MeteoGalicia está adherida desde o primeiro momento ao programa de comunicación de risco neste eido da Organización Mundial da Saúde e da Organización Mundial de Meteoroloxía, Ángeles Vázquez fixo fincapé en que nun contexto de cambio climático a información meteorolóxica convértese nunha “ferramenta fundamental para anticipar riscos e adoptar medidas preventivas”.

De feito, o labor de MeteoGalicia, desenvolvido a través de sistemas avanzados de observación e predición, resulta esencial para trasladar información útil e comprensible á poboación de cara á protección da súa saúde.

Comparte este artigo