O Lustres Rivas de Ribeira exhibe o XIX Premio de Fotografía Luís Ksado

Redacción

 A mostra componse de máis de 50 imaxes de seis series

O Centro Cultural Lustres Rivas volve acoller arte coa mostra itinerante da décimo novena edición do Premio Internacional Luís Ksado de Creación Fotográfica que promove a Deputación da Coruña e que recala dende hoxe e ata o 4 de xullo en Ribeira.

Nesta mostra reúnense a obra gañadora, unha mención de honra e catro seleccionadas finalistas, o que se traduce en máis de medio cento de imaxes.

Durante a inauguración, a concelleira de Cultura, Ana Barreiro, manifestou que “dende o Concello de Ribeira seguiremos apoiando a creación artística en tódalas súas disciplinas e achegando á nosa cidadanía propostas culturais que nos enriquecen. A fotografía ten a capacidade de capturar o momento, xogando coa luz, a cor, os espazos e o obxectivo a retratar. Así, cada fotógrafo mergúllanos na súa narrativa visual. En consecuencia, podemos estar ante unha imaxe estritamente informativa ou algo máis artístico, con máis fondo alén do que vemos.”

O fotógrafo madrileño Juan Manuel de la Quintana Sánchez-Mateos é o gañador por I gotta change; que aborda con rigor a temática da saúde mental. Aquí constrúe unha narrativa visual que dá o mesmo peso aos rostros retratados e aos espazos que os rodean. Afástase, ademais, da dramatización habitual destes temas, optando por escenas cotiás e iluminación natural.

Ademais, o fotoxornalista galego Óscar Corral, recibe unha mención honorífica por L’horta Sud polo seu tratamento visual dos efectos da DANA, a través dunha linguaxe simbólica e sutil que transcende o enfoque informativo.

As outras catro propostas que se poden observar son as seleccionadas como finalistas. Trátase de Metamorfose, de Carlos Folgoso; As leccións esquecidas, de Raquel López; Un lugar á parte do mundo, de Stephanie Lutier; e Entre o tempo e o sabor, o mar, unha memoria visual, de Miguel Muñiz.

A sala pode visitarse de luns a venres, de 10.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 horas, ademais dos sábados, dende as 10.00 ata as 14.00 horas.

Comparte este artigo