A segunda edición de Di-versos remata cunha gala de proxección das once cancións cos seus vídeos

Redacción

 O Concello de Ribeiro promoveu este proxecto na senda de promover a igualdade dende idades temperás

O Concello de Ribeira clausurou hoxe a segunda edición da gala Di-versos. Cancións diversas pola diversidade cunha gala celebrada no Auditorio municipal para escoitar as cancións nas que traballaron os centros educativos de primaria do municipio participantes no proxecto. Así, preto de 300 escolares de 4º a 6º curso de primaria de once colexios asistiron para ver o resultado da iniciativa.

No acto participou a alcaldesa, María Sampedro, quen manifestou que “chega ao seu fin este proxecto, pero non todo o aprendido.
Porque as vosas mensaxes en forma de canción perdurarán e tamén o convite a que reflexionemos sobre a importancia da igualdade de xénero e a corresponsabilidade. Vós sodes o futuro e a mellor maneira de melloralo é a través da educación.”

En sentido similar tamén se pronunciou o concelleiro de Servizos Sociais, Vicente Mariño, ao dicir que “dende o Concello de Ribeira empregamos a música como ferramenta pedagóxica para educar ao máis novos nos valores da igualdade de xénero e na corresponsabilidade. Porque a educación é a base de todo, o eixo vertebrador a través do que aplicar políticas que melloren a sociedade na que vivimos e concienciar ao conxunto da cidadanía.”

A dita iniciativa, financiada ao abeiro do Plan Corresponsables, ten como obxectivos marcados a toma de conciencia da diversidade natural, social e cultural dende unha perspectiva de xénero e de dereitos da infancia; promover valores de igualdade, corresponsabilidade e coidados; reflexionar sobre usos do tempo, roles de xénero e masculinidades igualitarias; crear unha canción que aborde a diversidade con enfoque nas temáticas do Plan Corresponsables; e divulgar esta melodía no centro, na comunidade educativa e polas redes sociais como exemplo de boas prácticas en igualdade.

Fernando Pérez, de Canción Desastre, e Alba Pego, de Xastriñas Solucións Audiovisuais, son os profesionais que prestaron apoio para que as ideas xerminases e tomasen forma de once cancións cos seus correspondentes vídeo. En consecuencia, o proceso creativo estendeuse dende o mes de abril ata a semana pasada de xuño; período no que se crearon e gravaron as pezas, ademais do traballo de edición final do material.

Comparte este artigo