A traballadora do Servizo Municipal de Axuda no Fogar (SAF) xubílase hoxe, xusto o día no que cumpre 67 anos e tras máis de quince anos de dedicación ao coidado dos demais
O Concello de Carballo acolleu hoxe un emotivo acto de recoñecemento e despedida con motivo da xubilación de Teresa Moreira Varela, traballadora do Servizo Municipal de Axuda no Fogar (SAF). A celebración coincidiu, ademais, cunha data moi especial para a homenaxeada, que hoxe cumpre 67 anos.
Teresa Moreira iniciou a súa traxectoria profesional na administración local en novembro do ano 2008. Desde entón, e ao longo de máis de quince anos de servizo ininterrompido, converteuse nunha peza fundamental do departamento de Servizos Sociais, destacando pola súa profesionalidade, calidade humana e entrega diaria no coidado e benestar das persoas máis vulnerables do municipio, tal como destacou a concelleira de Servizos Sociais, Maica Ures.
No acto, que tivo lugar nas dependencias municipais, Teresa estivo arroupada por unha ampla representación de compañeiros e compañeiras do SAF e de distintos departamentos do concello, así como por representantes institucionais. O alcalde, Daniel Pérez, como é costume, fíxolle entrega dun carballo de Sargadelos cunha dedicatoria que pon a énfase, precisamente, na dedicación da funcionaria ao coidado dos demais. O persoal de Servizos Sociais tamén lle tiña preparado un agasallo.
O encontro concluíu cunha gran foto de familia, que inmortaliza o agarimo de todo o persoal cara a unha compañeira que deixa unha fonda pegada no Concello de Carballo. Desexámoslle a Teresa a maior das felicidades nesta nova etapa vital que hoxe comeza.

