O concello de Caldas investirá máis de 20.000 euros na mellora do camiño de A Riba, na parroquia de Godos

Redacción

A actuación contempla a renovación do asfalto, dando resposta a unha das peticións transmitidas pola veciñanza ao alcalde na rolda de reunións realizada no rural

Jacobo Pérez adianta que próximamente tamén se adxudicará a mellora do firme e dos servizos básicos en San Martiño (Arcos da Condesa) e tamén está a piques de concluír a licitación da fase 1 da mellora do saneamento no lugar da Igrexa, Baltar e Faramontáns, en San Clemente

O Concello de Caldas de Reis investirá máis de 20.000 euros nas obras de reparación e posta a punto do camiño que pasa por debaixo da vía do AVE no lugar de A Riba, na parroquia de Godos. Tal e como lembra o alcalde, Jacobo Pérez, esta é unha das actuacións que lle trasladou a veciñanza na rolda de reunións que o rexedor levou a cabo no seu día nas localidades do rural.

En concreto, esta actuación consistirá na dotación dun novo asfaltado, que garantirá unha maior seguridade para o tránsito rodado e a pé.
Esta pista, moi utilizada polas persoas que residen neste enclave, quedou moi deteriorada no seu día, por mor das obras que ADIF levou a cabo para acometer medidas de insonorización do pase do tren. Está previsto que os traballos dean comezo nas vindeiras datas. A empresa encargada de executar estas tarefas será Covsa, logo de que se completase o pertinente concurso de adxudicación.

Ademais, Jacobo Pérez adianta que próximamente tamén será adxudicada outra obra importante no rural, como é o caso do camiño no núcleo de San Martiño, na parroquia de Arcos da Condesa. Esta actuación servirá mellorar o acceso e tamén para instalar unha nova rede de pluviais, reforznado, deste xeito, os servizos básicos. Este é outro dos proxectos que se levan a cabo para dar resposta a demandas veciñais Tal e como consta na memoria técnica, os traballos incluirán a retirada da superficie actual e a instalación de novos colectores de pluviais, así como sumidoiros lineais con reixa. A maiores, habilitarse unha primeira capa de pavimento continuo de formigón armado, de 15 centímetros de espesor, de cor ocre, con acabado superficial pulido. O seguinte paso consistirá na dotación de pavimento de pedra de granito con pezas de 30x40x12, que se colocarán en franxas perpendiculares ao eixo do camiño. Finalmente, instalaranse, a maiores, máis pezas de granito, de 30x15x6 centímetros, nas marxes exteriores da vía. Deste xeito, garantízase que o firme non chegue a contactar con parcelas, peches e muros de propiedades conlindantes.

O Concello asume esta mellora, cun investimento próximo aos 90.000 euros, que fóra comprometida pola anterior directiva da Entidade Local

Menor de Arcos da Condesa. O Goberno local apostou por dar un pulo ao proxecto para axilizar os prazos, traballando en coordinación coa propia Entidade Local, que se centra en acometer outros traballos de limpeza e mantemento na parroquia. Por outra banda, Jacobo Pérez tamén destacou o avance no proceso de licitación para a acometer a primeira fase de dotación de servizos básicos na contorna da Igrexa de San Clemente, así como nos lugares de Baltar e Faramontáns, que suporá unha mellora da rede de saneamento. A maiores, o Concello prevé recepcionar en breve a nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) do Fieitoso, o que tamén suporá un pulo moi importante para o abastecemento de auga.
“Con esta batería de actuacións seguimos avanzando na mellora de servizos e, por extensión, da calidade de vida da veciñanza do noso rural, que foi un dos compromisos que adquirimos ao chegar á Alcaldía”, recorda Pérez Gulín.

Comparte este artigo