Ribeira converteuse en porto de saída da cuadraxésima edición da Traslatio

Redacción

 Un catamarán partiu da localidade para navegar as augas de Arousa e remontar o río Ulla

A cuadraxésima edición da conmemoración da Traslatio tivo hoxe a Ribeira como porto anfitrión despois de 14 anos. Trátase dun evento promovido pola Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla que rememora a viaxe que fixo o corpo do Apóstolo Santiago dende Palestina ata a costa galega; erixíndose como o primeiro dos Camiños a través do que se orixina o fenómeno da peregrinación.

O Concello de Ribeira forma parte da referida entidade dende 1999 e conta en Bandourrío cun dos 17 cruceiros deste único vía crucis marítimo-fluvial. No transcurso do acto institucional realizado na lonxa, a concelleira de Turismo e Cultura, Ana Barreiro, manifestou a “honra” de que o municipio ribeirense fose seleccionado como porto de saída desta singradura porque “a nosa terra non se entende sen o mar. Son moitas as familias que viven do mar de maneira directa e indirecta. Pero alén disto, para nós o mar tamén é cultura, tradición, identidade. Somos unha localidade que mira cara o mar. Así que, con  este acto, reforzamos máis o noso nexo con este anaco de Atlántico que atopa aquí descanso para deixar de impoñer a súa bravura e acariñarnos con augas mansas.”

Así mesmo, para a edil, “a Traslatio ten un importante valor dende o punto de vista cultural, paisaxístico, turístico e medio ambiental porque, ademais, de facer unha peregrinaxe, podemos desfrutar da riqueza da ría de Arousa e o río Ulla. Unímonos hoxe á experiencia pola que optan moitos peregrinos de vivir esta variante do Camiño Portugués.”

Deseguido, un catamarán saíu dende o porto ribeirense para unirse ao resto de embarcacións procedentes das distintas localidades costeiras da ría e conformar unha flota con aproximadamente 500 peregrinos que navegaron as augas de Arousa para remontar o río Ulla e chegar a Padrón-Pontecesures, lugar no que se oficiou a bendición dos barcos.

Comparte este artigo