O San Xoán reserva oco para a cativada con Desastronauts, Os Biosbardos e Brais das Hortas

Redacción

O San Xoán sempre deixa espazo para o público familiar e este ano o programa infantil comeza con circo, trapecio, acrobacias con teas e moita diversión coa compañía Desastronauts, que presenta o espectáculo Circo expreso 2. Durante a representación, dous eminentes artistas de circo esfórzanse por demostrar quen é o mellor. Girisho ten confianza e moito entusiasmo, pero non é moi intelixente. Raquel é estrita, metódica e moi hábil. E ningún dos dous se deterá ante nada para gañar a aprobación do seu público. Un espectáculo de circo áxil, divertido e moi habilidoso no que Raquel e Girisho poñen a súa técnica ao servizo do público para que non haxa nin un segundo de aburrimento.
Raquel Veganzones e Girisho Gordon, ambos titulados na escola The Circus Space de Londres, formaron a compañía Circo Expreso en 2004, cambiando o seu nome a Desastronauts en 2009. A súa extensa carreira ten levado as súas impresionantes acrobacias por todo o mundo: co seu espectáculo Too High, fixeron xiras co circo británico Happy’s Circus, actuaron na Convención Nacional de Malabarismos de Crawley en 2004, participaron no Festival de Glastonbury e en varios cabarés circenses en Londres. Gordon incluso actuou no espectáculo inaugural dos Xogos Asiáticos en Qatar, e Veganzones levou o seu número de trapecista ao Caribe e á India.
A cita é o xoves 25 de xuño no Parque do Anllóns a partir das 18.30 horas e está organizada pola Concellaría de Cultura. A entrada é de balde.
Os Biosbardos e Brais das Hortas
Dentro das actividades previstas para a cativada, o venres 26 o San Xoán tamén oferta dúas propostas para os máis pequenos e pequenas. Pola mañá con Brais das Hortas na Praza do Concello a partir das 11.30 horas. Músico, clown e narrador, Brais das Hortas leva 25 anos nos escenarios. Toca en proxectos coma Blues do País ou Sacha na Horta. Como clown, traballa con Peter Punk Pallaso en dous espectáculos: Concerto PunkInfantil e Peter Punk e o Neno Imperdible, ademais de facer espectáculos en solitario. Como narrador forma parte da Tropa de Trapo, con Marta Ortiz.
Pola tarde, é a quenda de Os Biosbardos con Xogos do mundo, tamén na Praza do Concello a partir das 17.00 horas. Esta actividade de lecer consiste nun circuíto de xogos tradicionais e populares procedentes de diferentes culturas. Estes xogos adoitan incluír probas de habilidade, puntería, equilibrio e enxeño, sendo ideal para que nenos, nenas e adultos xoguen e aprendan xuntos.
As dúas citas, de acceso libre e gratuíto, están organizadas polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo. A participación é libre e de balde.

Comparte este artigo