O territorio transfronteirizo do río Miño acolle, entre o 29 de xuño e o 3 de xullo, unha misión de cooperación avanzada dedicada ao sector agroalimentario, no marco do programa International Urban and Regional Cooperation (IURC), financiado pola Unión Europea.
A misión, coorganizada pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) do Río Miño, reunirá representantes institucionais, empresariais, académicos e técnicos de seis rexións de Europa e América Latina: río Miño, Mendoza (Arxentina), Tacna (Perú), Loreto (Perú), Amazonas (Colombia) e Bolzano (Italia).
“A realización desta misión internacional representa un importante recoñecemento á capacidade do territorio para xerar coñecemento, promover a innovación e consolidarse como un espazo de cooperación e desenvolvemento de solucións para retos globais, así como reforzar a súa proxección internacional e a participación en redes de cooperación entre Europa e América Latina”, subliña a AECT Río Miño.
O programa da misión estrutúrase arredor de tres eixos principais: a innovación e a transición dixital no sector agroalimentario; a comercialización, internacionalización e desenvolvemento de cadeas de valor; e a valorización territorial a través do agroalimentario, o viño, a gastronomía e o turismo.
Ao longo de cinco días, os participantes compartirán experiencias, boas prácticas e estratexias de desenvolvemento territorial, co obxectivo de identificar solucións innovadoras para desafíos comúns, promover novas alianzas internacionais e afondar nas relacións entre os socios, sentando as bases para futuras accións piloto, proxectos de cooperación e candidaturas conxuntas en áreas estratéxicas para o desenvolvemento territorial.
Tamén están previstas visitas a proxectos, empresas, produtores, entidades e iniciativas do territorio transfronteirizo, que exemplifican a capacidade do río Miño para transformar os recursos endóxenos en oportunidades de desenvolvemento.

