Reclama ao Goberno de Caballero que atenda as demandas do tecido asociativo para garantir que as subvencións permitan crear e consolidar “emprego estábel e de calidade”
Avanza a presentación dun recurso de reposición pola falla de resposta do Executivo local
Xabier P. Igrexas: “Estas bases poden provocar o efecto contrario ao que anuncian: máis dificultades e precariedade e menos capacidade para desenvolver proxectos”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) insta o Goberno de Abel Caballero a rectificar as bases das axudas municipais para a contratación de persoal nas entidades sen ánimo de lucro de Vigo. A fronte nacionalista recolle a preocupación do tecido asociativo e reclama que se escoiten as súas demandas para garantir que as subvencións permitan crear e consolidar “emprego estábel e de calidade”.
Estas reivindicacións foron trasladadas polo Bloque na Comisión Informativa de Emprego celebrada este luns, na que o Goberno local non deu ningunha resposta ás peticións. Diante desta falla de resposta, o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, avanzou que vai presentar nas vindeiras horas un recurso de reposición para que se modifiquen as bases das axudas e se atendan as necesidades das entidades sen ánimo de lucro.
Entre elas, a fronte nacionalista solicita alargar os custos de persoal subvencionábel dos actuais 9 a 12 meses, que se subvencione o 100% do persoal consolidado que foi contratado en anteriores convocatorias, se brinde apoio económico para o persoal de estrutura, se aumente o importe para enfrontar gastos de xestión e se estabeleza un sistema de pagos fraccionados que “evite afogar” as asociacións. Aliás, piden que se garanta o cumprimento dos convenios colectivos e se favoreza a contratación indefinida.
“Tal e como están redactadas estas bases, non serven para garantir o obxectivo que din perseguir: crear e consolidar emprego estábel e de calidade”, advertiu Igrexas. Puxo en valor o papel “fundamental” destas entidades que realizan un labor social, cultural, educativo, deportivo e asistencial, á hora de prestar servizos de interese público que, en moitos casos, atenden necesidades ás que non chega a propia Administración.
O portavoz municipal do BNG lembrou que o tecido asociativo funciona “grazas ao xeneroso e comprometido voluntariado”, pero que precisa tamén de profesionais contratados para desenvolver os seus traballos. “O Concello ten a responsabilidade de apoialas de maneira eficaz e coherente”, valorou.
Estabilidade laboral
Nese sentido, afeou que o Goberno municipal fale de estabilidade laboral cando limita as axudas a 9 meses de contratación. E tamén cargou contra a “drástica redución”, de case o 50%, nas axudas destinadas a manter postos de traballo xa existentes. “Se unha entidade fixo o esforzo de crear e manter emprego, o Concello non pode agora penalizala con menos apoio”, subliñou Igrexas.
Dende o Bloque advertiron por estes motivos que as bases das axudas “poden provocar o efecto contrario ao que anuncian”, entre elas, xerando máis dificultades para manter os equipos profesionais, máis precariedade laboral e menos capacidade para desenvolver proxectos que benefician ao conxunto da veciñanza de Vigo.
Igrexas sinalou que o financiamento destas entidades non pode considerarse un gasto, senón como un investimento social, polo que demandou que o Concello non traslade “máis cargas e incerteza” con estas axudas. “Agardamos que o Goberno municipal rectifique, escoite ao sector e incorpore estas propostas para que as subvencións cumpran a súa finalidade: crear emprego digno, estábel e útil para a cidade”.

