O concello e o sector hostaleiro reparten 20.000 manteis de papel e mapas para promocionar os máis de 100 quilómetros de sendas de Caldas de Reis

Redacción

 Estes espazos, que aúnan patrimonio, beleza paisaxística e gran riqueza medio ambiental e histórica, seguen a consolidarse como un gran atractivo turístico, ademais da oferta termal e do Camiño Portugués

 O alcalde, Jacobo Pérez, explica que os oito roteiros, todos eles circulares, parten da Carballeira e coa súa promoción “o que se busca é reforzar e desestacionalizar a actividade económica máis alá do verán”

Unha vez máis, o Concello de Caldas de Reis lanza e Asociación de Hostalería aúnan esforzos, xunto ao comercio local, para promocionar e dar visibilidade aos grandes atractivos cos que conta o municipio como recurso turístico de primeira orde, máis alá da súa ampla oferta termal ou do Camiño Portugués. Ao igual que xa se fixo en anso anterioores, lévase a cabo unha ambiciosa campaña de promoción para dar a coñecer as oito sendas, perfectamente habilitadas para percorrer a pé ou en bicicleta, polas diferentes parrooquias, sumando máis de 100 quilómetros de circuítos circulares, con puntos de partida estratéxicos na Carballeira ou nas inmediacións da explanada da Tafona.

Para seguir dando a coñecer estes enclaves e espazos naturais entre os numerosos visitantes que elixen Caldas de Reis para gozar de días de descanso, estanse a repartir máis de 20.000 unidades de manteis de papel entre todos os negocios hostaleiros, así como mapas en hoteis e establecementos comerciais, nos que se inclúe un código QR con toda a información sobre estes espazos. O alcalde, Jacobo Pérez, acompañado do presidente da Asociación de Hostalería, Jesús Fariña, presentaron estes deseños, que supoñen un incremento con respecto ao número de unidades lanzados o ano pasado. “A iniciativa tivo unha gran acollida, polo que apostamos por repetir esta estratexia, que sen dúbida axuda a promocionar o noso concello”, sinalou Pérez Gulín, que tamén destacou o imprescindible papel que xogan sectores como o da restauración ou o comercio local non só coma dinamizadores económicos e sociais, senón tamén como axentes protagonistas á hora de dar a coñecer a beleza e os recursos de Caldas de Reis.

Cómpre lembrar que os datos de todas as sendas pódense conslultar de xeito gratuíto en Wikiloc, unha aplicación que goza dunha gran popularidade entre os e as amantes do sendeirismo. Desde a posta en marcha deste proxecto “percibimos un importante incremento de persoas que percorreron estes roteiros, que permiten coñecer o noso rural desde unha perspectiva diferente, ademais de contemplar belezas paisaxísticas como a fervenza do Segade”, explicou o alcalde.

Coñecer estas sendas “é o plan perfecto para gozar de Caldas de Reis en calquera época do ano”, xa que á actividade en si súmaselle a posibilidade de gozar coa gastronomía local, aloxarse na vila termal ou facer compras. O feito de que o punto de saída se atope no Xardín Botánico, recentemente remodelado cun investimento de máis de 1,4 millóns de euros, supón outro gran aliciente.

O rexedor caldense reafirma o compromiso do Concello á hora de traballar man a man cos sectores da hostalería e do comercio local para continuar promovendo iniciativas que axuden a desestacionalizar e consolidar Caldas de Reis como un destino atractivo durante os 12 meses do ano. En todo caso, Jacobo Pérez recoñeceu que “somos conscientes de que coa chegada do verán inícase a tempada alta, con máis visitantes ca nunca, e por iso tamén promovemos programas que garantan a conciliación familiar e laboral, como as ludotecas”, lembrou.

As sendas
As sendas que forman parte desta rede son as seguintes:

Ruta das Pedras: 13,36 quilómetros

Camiño e Bosque: 14,24 quilómetros

Arcos: 15,02 quilómetros

Fábrica da Luz e San Andrés de César: 11,70 quilómetros

Ruta dos Campaneiros: 8,90 quilómetros

Ruta pola Vía Verde: 14,06 quilómetros

Fervenza de Segade: 15,50 quilómetros

Godos: 15,41 quilómetros

Jacobo Pérez explica que estes espazos son “a forma perfecta para coñecer a riqueza patrimonial e paisaxística de Caldas de Reis, ademais da nosa tradición e esencia como pobo”, ao combinar elementos arquitectónicos históricos, fervenzas e árbores milenarias. As ruinas da Fábrica da Luz, o río Segade, a Ponte Romana ou o Monte Xiabre son só algúns dos seus atractivos. “Proxectos coma este axudan a consolidar o noso concello como lugar de referencia dentro da comarca e da provincia de Pontevedra”, finalizou.

Comparte este artigo