A fronte nacionalista considera que a licitación para a construción da promoción de Esturáns, aprobada esta mañá, evidencia a ausencia dunha política pública de vivenda tras 6.947 días no cargo
O Bloque propón enfrontar a emerxencia habitacional cun Plan de Choque con 40 millóns de euros dos remanentes municipais para incorporar 250 vivendas a un parque público antes de rematar este ano 2026
Xabier P. Igrexas: “Xa é hora de actuar diante da situación de emerxencia habitacional que padece Vigo, e iso pasa por mobilizar todos os recursos e todas as capacidades para dotar de maneira urxente a maior cidade de Galiza dun parque público de vivenda protexida e social”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo valorou a adxudicación do contrato para construír 27 vivendas protexidas en Esturáns, aprobada este martes na Xerencia Municipal de Urbanismo, como a “primeira medida concreta e directa” impulsada polo Goberno municipal de Abel Caballero para facilitar o acceso social á vivenda desde a súa chegada á Alcaldía.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, lembrou que o alcalde leva 6.947 días no cargo e contrapuxo esta actuación coa promesa realizada por Caballero como candidato á Alcaldía en 2007.“Pasaron máis de 19 anos desde que o daquela candidato Caballero prometera que en 4 anos ía facer en Vigo 6 mil vivendas protexidas. Tardou case 7 mil días en contratar a construción de 27, que non concluirá antes de 2028, o que significa que o alcalde tardará máis de 20 anos en cumprir o 0,45% da súa promesa electoral”, criticou.
Emerxencia habitacional
Desde a fronte nacionalista advertiron de que esta actuación resulta ridiculamente insuficiente diante da “grave situación” que atravesa a cidade en materia de vivenda. Nese sentido, sinalaron que os prezos dos alugueiros aumentaron máis dun 50% nos últimos anos, que máis da metade dos menos de 300 pisos dispoñíbeis para alugueiro residencial xa se ofertan por máis de 1.000 euros ao mes e que as vivendas de uso turístico multiplican por sete a oferta de alugueiro permanente.
Aliás, lembran tamén que en Vigo hai máis de 10.000 persoas rexistradas como demandantes de vivenda protexida e que os últimos datos oficiais revelan que na cidade se produce de media un desafiuzamento cada dous días, sen alternativa habitacional e na súa inmensa maioría por impago do alugueiro.
“Estamos diante da constatación da falla dunha verdadeira e enérxica política pública para enfrentar o principal e máis grave problema da cidade que é o acceso social á vivenda”, resumiu Igrexas.
O portavoz nacionalista cuestionou que, diante desta realidade, a única medida concreta do Goberno local sexa a contratación de 27 vivendas protexidas. “Despois de todo isto, a única medida concreta dun Goberno que amorea máis de 200 millóns de euros de remanentes e que deixou sen executar 150 millóns só do orzamento do ano pasado, é contratar a construción de 27 vivendas”, censurou.
Igrexas criticou tamén a falta de resposta por parte da Xunta de Galiza. “Mentres a Xunta de Galiza do Partido Popular se limita a facer selfies propagandísticos cada semana coas mesmas vivendas do Plan Parcial, o Goberno municipal de Caballero vai cumprir dúas décadas de brazos caídos en materia de vivenda”, denunciou.
Plan de Choque con 250 vivendas públicas
Fronte á situación actual, o BNG reiterou a súa proposta para mobilizar de maneira inmediata recursos municipais que permitan ampliar a oferta pública de vivenda na cidade. “Desde o BNG cremos que xa é hora de actuar diante da situación de emerxencia habitacional que padece Vigo, e iso pasa por mobilizar todos os recursos e todas as capacidades para dotar de maneira urxente a maior cidade de Galiza dun parque público de vivenda protexida e social”, defendeu Igrexas.
A proposta nacionalista consiste nun Plan de Choque financiado con 40 millóns de euros dos remanentes municipais para que o Concello dispoña antes de rematar este ano de 250 vivendas en réxime de alugueiro social, o que permitiría duplicar a oferta existente hoxe no mercado privado.
Segundo explicou o portavoz municipal do BNG, este plan combinaría a adquisición de vivenda baleira, nunha cidade que conta con máis de 22.000 inmóbeis desocupados, con outras fórmulas como a cesión de uso durante dez anos ao Concello para subarrendalas socialmente, financiando a rehabilitación das vivendas e garantindo a súa devolución ás persoas propietarias.
“As viguesas e vigueses non poden esperar máis, e diante da deserción do Goberno galego o Concello ten que actuar para garantir o primeiro dereito da cidadanía que é o de poder habitar a súa propia cidade”, remachou.

