Do 24 ao 26 de xuño o San Xoán enche Carballo de concertos con Baiuca, Joe Crepúsculo, Tito Ramírez ou 9LOURO

Redacción

As verbenas tamén son as protagonistas con orquestras como Panorama City, Os Satélites, La última legión ou o grupo Ráfaga

Carballo transfórmase en música do 24 ao 26 de xullo, con tres días cargados de concertos con propostas para todos os públicos. Bandas, gaiteiros, música tradicional galega, electrónica, soul, rhythm and blues, trap, reguetón ou pop, ademais de verbenas con orquestras tradicionais, outras cheas de grandes éxitos actuais, clásicos de sempre do pop-rock ou ritmos latinos.
O día de San Xoán arrinca ás 11.30 horas con pasarrúas a cargo da Banda Municipal de Gaitas, o Grupo de Gaitas da AC San Campio de Cances e o Grupo de Gaitas da AC Arume. Ás 12.30 horas é a misa solemne na Igrexa parroquial de San Xoán Bautista, cantada pola Coral de Bergantiños, con procesión acompañada pola Banda de Música de Ceeque ofrecerá ás 14.00 horas un concerto no adro da igrexa. Hai que mencionar que será o primeiro ano que o novo alcalde, Daniel Pérez, presida os actos solemnes do San Xoán e realice a tradicional ofrenda ao patrón.

Antes de que comecen as actuacións da noite, hai que subliñar que haberá unha danza de cabezudos polas rúas da vila a partir das 19.30 horas. Trátase de pezas propiedade do Concello que se usaban decote nas celebracións en décadas pasadas. En 2025 rescatáronse por primeira vez para volver animar o San Xoán e este ano repiten. Serán responsables da danza as asociacións de música de baile tradicional de Carballo: a Escola do Alprende de Oza, a AC Arume de Verdillo, a AC Nemeth, e a AC San Campio de Cances.

Xa ás 23.00 horas chega á Praza do Concello un dos concertos máis esperados das festas, o de Baiuca. Proxecto pioneiro en fusionar a música tradicional galega con electrónica de vangarda, converteuse nun fenómeno cultural e musical practicamente desde os seus inicios. Con tres álbums longos publicados (os icónicos Solpor, Embruxo e Barullo), dous EPs (Misturas e Paisaxes), dous splits (Adélia, xunto ás portuguesas HAEMA; e Diamante / La Nana, xunto a Alba Reche), o produtor e artista galego Alejandro Guillán conseguiu instalar unha nova idea de mestizaxe musical que se converteu en referente non só dentro do estado senón tamén fóra das nosas fronteiras.
En poucos anos de carreira, xirou por países como México, Colombia, Ecuador, Marrocos, Sudán, Portugal, Países Baixos, Italia, Reino Unido, Francia ou Suíza. E é que o formato de banda en directo de Baiuca non só ten ao propio produtor galego no centro da ecuación tocando diferentes instrumentos tradicionais galegos e, á vez, operando cos seus sintetizadores e programacións; senón que o acompañan algúns dos músicos máis prestixiosos da música tradicional estatal.

Para pechar a noite, a partir das 00.30 horas, a Praza do Concello acolle unha verbena coa orquestra Panorama City.

25 de xuño
O 25 de xuño, festivo local a festa arrinca ás 11.30 con pasarrúas a cargo da Banda Municipal de Gaitas, o Grupo de Gaitas da AC San Campio de Cances e AC Nemeth. Xa ás 12.00 haberá máis pasarrúas, desta volta a a cargo da Banda de Música das Pontes. A misa solemne é ás 12.30 horas na Igrexa parroquial de San Xoán Bautista, cantada polo coro Aires de Bergantiños, con procesión acompañada pola Banda de Música das Pontes.

Pola tarde será a quenda para a cativada, xa que o Parque do Anllóns acolle a partir das 18.30 horas un espectáculo para público familiar coa compañía Desastronauts, que presentan Circo Expreso 2.

E xa ás 20.00 horas comeza a festa na Praza do Concello. Primeiro ás 20.00 horas con verbena coa orquestra Os Satélites, unha orquestra fundada en 1938 na Coruña que ten gravado 14 álbums, un DVD e un documental, recibindo un disco de ouro en 1977 por un deles con Sito Sedes como cantante principal. A formación foi galardoada co Premio Martín Codax de Música en 2019 e 2014 e foi finalista en 2017, 2018 e 2025 na categoría de orquestras e música tradicional festiva de Galicia.

A verbena segue ás 23.15 horas coa orquestra La Última Legión. Fundada en 2007, o seu repertorio céntrase en homenaxear aos clásicos do pop-rock.

26 de xuño

O venres 26 de xuño é un dos días de máis actividade das festas patronais, con tres concertos e verbena pola noite. Pero antes, o día arrinca ás 11.30 horas con pasarrúas a cargo da Banda Municipal de Gaitas. Xa ás 12.30 haberá misa solemne na honra da Virxe do Carme na Igrexa parroquial de San Xoán Bautista, cantada pola Coral de Bergantiño e procesión acompañada pola Banda Municipal de Gaitas.

A cativada terá o seu espazo grazas ao Servizo de Normalización Linguística, que propón dúas citas na Praza do Concello. Ás 11.30 horas unha actuación de Brais das Hortas. E ás 17.00 horas será a quenda de Os Biosbardos con Xogos do Mundo.

E xa pola noite, a actividade na Praza do Concello non ten parada. Comezamos con Tito Ramírez a partir das 21.30 horas, un artista que puxo o seu nome no radar de todos co seu álbum The Kink of Mambo, lanzado en 2019, cuxas dúas edicións se esgotaron rapidamente. O artista presenta en Carballo o seu novo traballo discográfico, Sonido conquistador, publicado en marzo deste ano.

A continuación, ás 23.00 horas vén a actuación de Joe Crepúsculo, un dos músicos máis imprevisibles e prolíficos da música pop española.

Xa ás 00.30 horas chega a música urbana con 9Louro. Martín Louro, nado en Muros en 2004, máis coñecido coma 9Louro, é un cantante de pop urbano, trap, música electrónica e reguetón. Malia estar relacionado coa música urbana afeccionada auto producida durante varios anos, Martín Louro comezou a súa traxectoria musical de xeito profesional en 2024, coa publicación do seu primeiro álbum Nove noves. Despois de estudar un ciclo superior de Electrónica e electricidade, apostou pola música a nivel profesional. Criado nunha familia de artistas, Louro é o irmán menor de Xanma Louro, músico da banda The Rapants.

En 2026 9Louro comezou a ter notoriedade na música urbana en galego, logo de encher a finais de 2025 a igrexa da Universidade de Santiago nun concerto de balde que deixou fóra ducias de persoas. Actuou no festival Emigrason de Bruxelas, un festival dedicado á música en galego celebrado na sala Tricoterie da capital belga. Semanas despois esgotou as entradas para o seu concerto na sala Capitol de Santiago de Compostela en apenas trinta minutos.

A noite pecha con verbena co grupo Ráfaga xa ás 1.30 horas. Ráfaga é unha banda arxentina de cumbia formada en 1994 por 10 membros. Comezaron a gañar popularidade en 1996 despois de lanzar o seu primeiro álbum de estudio, Soplando Fuerte. Son coñecidos polo seu ritmo distintivo, que mestura guitarras eléctricas, trompetas prominentes e todo o sabor da cumbia.

Comparte este artigo