A oitava Travesía a Nado Illa de Rúa celebrarase no 28 de xuño

Redacción

 O Concello de Ribeira colabora un ano máis con esta proba

A solidariedade volve a Ribeira baixo o formato de deporte coa oitava Travesía a Nado Illa de Rúa que recadará fondos a favor da Asociación Española Contra o Cancro.

Esta proba terá lugar no domingo, 28 de xuño, con saída ás 11.30 horas dende a dita illa, previo traslado dos participantes en catamarán, para completar a distancia de 4.500 metros ata o Club Náutico de Ribeira. No acto de presentación participaron o concelleiro de Deportes, Álex Vidal; o presidente do Náutico de Ribeira, José Luís Torres; a presidenta da xunta local da AECC, María José Carreira; a vicepresidenta, Ramona Paz; a secretaria, María Jesús Paz, quen asumirá agora a presidencia; e o director técnico da proba e presidente da Federación Galega de Natación, Juan Manuel Brión.

Trátase da oitava edición dun evento en augas abertas que recoñecerá o traballo dos cociñeiros solidarios Agustín Cadillo e Juan Antonio Ayaso.

O edil destacou o traballo que fan dende a xunta local para informar e sensibilizar á cidadanía sobre esta enfermidade e seguir dando pasos cara adiante na investigación e prevención. En consecuencia, salientou o dinamismo desta entidade que, unha vez máis, para recadar fondos organiza un evento deportivo que, nesta ocasión, se desenvolverá por mar.

A totalidade das 150 prazas xa están cubertas (108 homes e 42 mulleres) e, para garantir o correcto desenvolvemento da proba, contarase cun amplo dispositivo de seguridade.

Farase entrega de trofeos aos tres primeiros postos masculino e feminino, ademais de distincións especiais para o participante máis mozo e veterano e para quen bata o récord actual da proba: 47 minutos no masculino e 48 no feminino.

Esta foi a última rolda de prensa da actual presidenta da xunta local da AECC, María José Carreira, quen leva 28 anos involucrada na entidade. O testemuño pasa a ser asumido pola actual secretaria, María Jesús Paz. Carreira manifestou que “voume feliz e queda un traballo e un legado marabilloso que seguirá o equipo liderado por Susi.”

Comparte este artigo