O monarca, fillo de Dona Urraca, naceu na vila termal en 1105 e foi coroado hai 901 anos, en 1135
O alcalde, Jacobo Pérez, sinala que con este nomeamento “saldamos unha débeda histórica co que foi un dos persoeiros máis importantes e influíntes da historia do noso municipio”
O Pleno da Corporación acordou na sesión plenaria ordinaria deste mes de xuño nomear como Fillo Predilecto ao Rei Afonso VII. Coñecido como ‘Imperator Totius Hispaniae’, o histórico monarca foi, tal e como lembra o alcalde, Jacobo Pérez, “un dos persoeiros máis importantes da nosa historia, e posiblemente o máis influíente do noso municipio, polo que con esta distinción saldamos unha débeda histórica”. Deste xeito, o Concello culmina a tramitación necesaria para confirmar este recoñecemento a un dos monarcas españois máis coñecidos, e que acadou grandes vitoras e éxitos en numerosas campañas.
Cómpre lembrar que o Goberno local xa anunciara hai uns meses o inicio dos trámites para o nomeamento de Afonso VII como Fillo Predilecto, nunha época na que a súa figura volve á primeira plana, xa que en 2025 se cumpriron 900 anos da súa coroación (foi en 1135).
Esta acción súmase a outras iniciativas que se están levando a cabo no municipio para poñer en valor a figura do monarca. Neste sentido, Jacobo Pérez salientou as actividades e campañas promovidas pola Asociación Cultural Terra Calda, que, ademais da organización de charlas e coloquios, tamén está ultimando a posta a punto dunha estatuta en recordo de Afonso VII. “Desde o Concello imos continuar sumando esforzos para conseguir que a figura do rei que naceu no noso municipio, así como a súa traxectoria, sexa coñecida por toda a veciñanza, especialmente pola xente moza e as novas xeracións”, explicou o rexedor caldense. O vínculo do monarca coa localidade e a importancia da súa figura tamén queda demostrada no feito de que actualmente o CEIP Afonso VII leva o seu nome, ademais dunna das rúas principais do núcleo.
O monarca Afonso VII, fillo de Dona Urraca e nado en 1105, convértese, deste xeito, no segundo persoeiro de Caldas de Reis que é declarado Fillo Predilecto. O anterior foi Laureano Salgado, histórico empresario local, promotor industrial e un dos impulsores da Fábrica da Luz de Segade, inaugurada a finais do século XIX nas inmediacións da fervenza. O nomeamento de Salgado foi promovido pola Corporación caldense en 1929. Ademais, Caldas de Reis conta tamén con dous Fillos Adoptivos: o xornalista, escritor e dinamizador cultural Raimundo García Domínguez, ‘Borobó’, natural de Pontecesures e nomeado 2006, e Maximino Rodríguez Buján, ‘Máximo Sar’, xuíz e divulgador da historia de Caldas de Reis, que recibiu este recoñecemento a principios de 2020.

