O BNG alerta do “recorte clandestino” do mínimo de bombeiros por xornada en Vigo

Redacción

A fronte nacionalista denuncia unha redución de 37% da cobertura ordinaria dende o ano 2004, pasando de 24 efectivos a 15, que foi acordada sen negociación co propio persoal

Advirte de que case a metade das prazas de bombeiros están sen cubrir

Xabier P. Igrexas: “Esta decisión inxustificábel instala o servizo na precariedade e compromete a seguridade dos bombeiros e da cidadanía viguesa”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) alerta de que o Goberno de Abel Caballero vén de recortar cunha “instrución clandestina” o mínimo de bombeiros por xornada en Vigo. A fronte nacionalista denuncia unha redución do 37% da cobertura ordinaria dende o ano 2004, pasando de 24 efectivos a 15, que a xuízo do Bloque e do persoal “compromete a seguridade” dos bombeiros e da cidadanía viguesa.

Así o advertiu este xoves o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, despois de manter unha xuntanza con representantes sindicais da CIG e da CUT, na que criticaron que esta decisión se tomase sen negociación colectiva co propio persoal. “Esiximos a rectificación inmediata desta política temeraria, que insiste en manter nunha insuficiencia estrutural nun servizo esencial, porque Vigo sen bombeiros non é segura”, defendeu.

Igrexas desvelou que esta decisión foi tomada cunha “instrución clandestina”, asinada polo subxefe de bombeiros e polo xefe de Seguridade, pero que non conta coa sinatura da concelleira-delegada, Patricia Rodríguez Calviño, nin foi sometida a acordo na Xunta de Goberno Local nin co resto de grupos da Corporación municipal.

O número mínimo de efectivos pasa, segundo a instrución, a ser de 15 efectivos nas xornadas ordinarias e de 12 nas coberturas de continxencia. O voceiro municipal do Bloque subliñou de que o propio xefe do servizo, nun informe do ano 2024, fixaba o mínimo operativo en 20 bombeiros, e entre 22 e 23 o número óptimo para atender o servizo. E supón un novo recorte que se suma aos rexistrados nas últimas dúas décadas, que pasou de 24 efectivos no 2004 a ser 20 no acordo asinado no ano 2010.

“Esta decisión inxustificábel instala o servizo na precariedade permanente”, reprochou Igrexas, quen alertou de que vai esta redución vai afectar á capacidade de resposta diante de situacións de emerxencia e, por tanto, “comprometer a seguridade dos bombeiros e da propia cidadanía viguesa.

Insuficiencia estrutural no servizo de bombeiros

Para o portavoz municipal do BNG esta decisión só busca evitar que un dos dous parques de bombeiros da cidade estea pechado, como se vén repetindo durante os últimos anos, ao fixar unha cobertura dun persoal telefonista e dun bombeiro. E se engade, lembrou, aos incumprimentos nas medidas de prevención de riscos laborais que foron obxecto de sentenzas xudiciais contra o Concello.

Igrexas afirmou que este recorte evidencia tamén o “fracaso” do chamada programa de reforzos, medida aprobada polo Goberno local ante a falla de efectivos, xa que non impediu que, durante o mes de xuño deste ano, a metade das xornadas o servizo contase con menos dos 15 efectivos que agora se estabelecen como mínimo. “Papel mollado”, valorou o voceiro nacionalista.

Dende o Bloque lamentaron nese sentido que o Goberno de Caballero continúe sen corrixir a “insuficiencia estrutural” no servizo. Das 162 prazas de bombeiros, hoxe só están garantidas 89, o que deixa o 45% das prazas sen cubrir.

Críticas sindicais

De por parte, o delegado da sección sindical da CIG no servizo, Manuel Lopes, advertiu de que esta instrución busca “xestionar a precariedade crónica” nos bombeiros que veñen padecendo dende hai moitos anos. “Non se debe a circunstancias excepcionais”, aclarou. Lopes cualificou de “cóctel molotov” a situación actual no servizo, por derivar a responsabilidade nos propios bombeiros cando non se están cumprindo os protocolos para garantir o número necesario de efectivos. “Estamos falando de vidas humanas, cunha decisión que pode ter consecuencias graves”, alertou, asegurando que o Goberno municipal “está xogando con temeridade coa seguranza da cidadanía”.

Na mesma liña, o representante da sección sindical da CUT, Denís Guerra, tachou de “especialmente crítica” a situación actual dos bombeiros pola “irresponsabilidade” do Goberno local ao deixar cun “mínimo histórico de efectivos e dotacións incompletas” que, incidiu, poñen en “grave risco” ao propio persoal e a todas as viguesas e vigueses. 

Comparte este artigo