O Noia Harp Fest consolídase nos concertos do Xacobeo como cita internacional de referencia para a arpa

Redacción
  • O director de Turismo de Galicia presentou esta mañá o festival, que terá lugar na vila de Noia do 29 de xullo ao 1 de agosto
  • Na súa 13ª edición, a programación reúne figuras internacionais, nacionais e galegas de diferentes estilos e orixes, con directos de balde en espazos de gran valor natural e patrimonial
  • Participan artistas imprescindibles do xénero como Sona Jobarteh, Siobhán Armstrong ou Maeve Gilchrist

Noia (A Coruña), 25 de xuño de 2026.- Noia converterase un ano máis no punto de encontro internacional da arpa coa celebración dunha nova edición do Noia Harp Fest, que terá lugar do 29 de xullo ao 1 de agosto. O festival, integrado na programación dos Concertos do Xacobeo, reunirá algunhas das figuras máis destacadas do panorama internacional xunto a creadoras e intérpretes galegas nunha proposta que combina tradición, innovación e creación contemporánea.

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou esta mañá na presentación do festival e salientou que “a través dos Concertos do Xacobeo apoiamos propostas que contribúen a diversificar a oferta cultural galega, que poñen en valor o territorio e que son capaces de atraer visitantes grazas á súa singularidade e calidade”. Neste sentido, lembrou que “O Noia Harp Fest exemplifica á perfección os valores que promovemos a través dos Concertos do Xacobeo: excelencia artística, proxección internacional, innovación e conexión co patrimonio”.

O festival, que celebra este 2026 a súa décimo terceira edición tras rexistrar o ano pasado máis de 1.800 asistentes, consolídase como unha das propostas culturais máis singulares da programación estival galega. “Falamos dun evento que medra edición tras edición e que contribúe a posicionar Noia como un destino musical de referencia durante o verán galego, xerando ademais un importante retorno para a hostalaría, o comercio e o conxunto da economía local”, apuntou Xosé Merelles.

Ao longo de catro xornadas, o público do Noia Harp Fest poderá gozar dunha programación gratuíta que reunirá artistas procedentes de Europa, América, África e Galicia en espazos patrimoniais e culturais emblemáticos da vila. Cada edición, o evento converte Noia nun punto de encontro internacional arredor da arpa e das súas múltiples linguaxes musicais: tradicional, creación contemporánea, jazz, sonoridades atlánticas, experimentación electrónica e patrimonio histórico conviven nun programa que se caracteriza pola súa diversidade estilística e pola excelencia artística dos intérpretes participantes.

Grandes figuras internacionais

A edición de 2026 do Noia Harp Fest estará encabezada por tres das artistas máis destacadas do panorama internacional actual. A gambiana-británica Sona Jobarteh, primeira muller solista de kora pertencente a unha das grandes liñaxes tradicionais de griots de África Occidental, ofrecerá en Noia unha das súas escasas actuacións na Península Ibérica.

O cartel contará tamén coa presenza da irlandesa Siobhán Armstrong, considerada a máxima autoridade mundial na interpretación da arpa histórica gaélica e figura fundamental na recuperación dun patrimonio musical que forma parte da identidade cultural de Irlanda, e da escocesa Maeve Gilchrist, unha das intérpretes máis innovadoras da actualidade, recoñecida internacionalmente pola súa capacidade para expandir os límites da arpa celta mediante a fusión do folclore tradicional co jazz e a improvisación contemporánea.

Un dos sinais de identidade desta edición será a aposta pola creación propia. Así, o Noia Harp Fest producirá dúas propostas exclusivas concibidas especificamente para o festival. Neste sentido, o director de Turismo de Galicia destacou que “o Noia Harp Fest non só programa concertos; tamén impulsa a creación cultural, a experimentación artística e a xeración de novos contidos que nacen en Galicia e se proxectan cara ao exterior”.

Ademais da súa programación artística, o Noia Harp Fest consolídase como un espazo de creación contemporánea a través do Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, unha iniciativa impulsada polo propio festival para ampliar o repertorio internacional de obras para arpa e orquestra.

Os Concertos do Xacobeo, un mapa sonoro diverso e plural

A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por situar a comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo. Entre os eventos máis destacados da edición 2026 figuran festivais de proxección internacional como O Son do Camiño e tamén o Resurrection Fest, PortAmérica, Festival do Mundo Celta de Ortigueira, Bigsound Pontevedra ou Gozo Festival. Xunto a eles, consolídanse propostas máis próximas e alternativas como Underfest Xacobeo, Noites do Porto, Costa Feira, Galicia Fest ou Ou Yeah!

O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.

Comparte este artigo