O BNG de Vigo defenderá no Pleno medidas para protexer e valorizar os montes como “pulmón verde” da cidade

Redacción

A fronte nacionalista demanda máis medios para reforzar a conservación, accesibilidade e valorización do principal patrimonio ecolóxico e social da cidade

Propón a declaración de Vigo como “cidade libre de eucalipto” e outras especies pirófitas, que o Concello destine 1 millóns de euros anuais para atender os montes, un plan de accesibilidade, un programa de patrimonio e mais actividades de sensibilización

Xabier P. Igrexas:  “O modelo de apagar lumes no verán e aplicar parches improvisados está totalmente esgotado, cómpre unha estratexia de prevención estrutural e ordenación cunha visión de futuro”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo defenderá no vindeiro Pleno municipal unha moción con medidas concretas para mellorar a protección e valorización dos montes periurbanos da cidade. A iniciativa propón un cambio de rumbo na política forestal municipal, cunha estratexia integral orientada á prevención, á conservación ambiental, á accesibilidade e á posta en valor destes espazos como infraestrutura verde esencial para Vigo.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, defendeu que a cidade ten que “dar un paso decisivo en defensa do maior patrimonio colectivo, ecolóxico e social que ten”, apostando por “un xiro de 180 graos na política forestal para protexer de verdade os nosos montes”.

Igrexaspuxo en valor que os montes periurbanos ocupan máis de 1.606 hectáreas distribuídas por 14 parroquias e constitúen “o verdadeiro pulmón verde” de Vigo, cunha capacidade de absorción de CO₂ equivalente ás emisións de arredor de 90.000 vehículos

Na moción, o BNG advirte de que este patrimonio natural “non se sostén por arte de maxia”, senón grazas ao traballo “heroico, altruísta e continuado” das máis de 3.500 comuneiras e comuneiros que integran as comunidades de montes.

Prevención

Case nove anos despois da vaga de incendios de outubro de 2017, que arrasou un terzo da superficie forestal viguesa, Igrexas censurou que “nin o Goberno municipal de Abel Caballero nin a Xunta do PP cumpriron as súas promesas”. Como exemplo, sinalou a paralización do denominado Anel Verde de 50 quilómetros anunciado en 2018, do que “os únicos avances materializáronse grazas ao empeño das comunidades de montes cos seus propios recursos”.

“O modelo de apagar lumes no verán e aplicar parches improvisados está totalmente esgotado, cómpre unha estratexia de prevención estrutural e ordenación cunha visión de futuro”, afirmou o portavoz nacionalista.

Nese sentido, unha das principais propostas da moción é declarar Vigo como “cidade libre de eucaliptos” e doutras especies pirófitas, impulsando a súa substitución progresiva por masas de frondosas autóctonas que actúen como barreira natural fronte aos incendios, para o que demandan un maior apoio e financiamento por parte das administracións públicas.

No concreto reclaman que o Concello mobilice parte dos remanentes de tesouraría para crear unha partida anual de, cando menos, un millón de euros destinada ao desenvolvemento de infraestruturas verdes e permitir o desenvolvemento do proxecto Montes de Vigo 2046 promovido pola Mancomunidade.

Transporte, patrimonio e participación

A iniciativa do BNG incorpora tamén medidas para mellorar o acceso da cidadanía aos montes periurbanos. A formación considera que na actualidade o desfrute dos parques forestais depende “case exclusivamente de dispoñer dun coche privado”, unha situación que cualifica de “eiva histórica e inaceptábel” por excluír especialmente persoas maiores, mocidade e familias con menos recursos.

Por ese motivo, reclama a elaboración dun Plan de Accesibilidade Sustentábel que inclúa liñas lanzadeira de transporte público para garantir que o acceso ao monte sexa un dereito ao alcance de toda a veciñanza.

Entre as medidas propostas polo Bloque inclúense ademais a creación dun Programa Municipal de Patrimonio Cultural dos Montes, o reforzo das accións de sensibilización e educación ambiental e a constitución dunha Mesa Permanente dos Montes de Vigo coa participación da Mancomunidade de Montes, da Universidade e das entidades ecoloxistas e veciñais.

Xunto ás actuacións municipais, o BNG demanda maior cooperación institucional e insta tanto á Xunta de Galiza como ao Goberno do Estado a habilitar liñas de financiamento estábeis e plurianuais para garantir a conservación e a resiliencia climática dos montes periurbanos vigueses.

“A cidade ten que deixar de virarlle as costas aos nosos montes, que son unha parte fundamental da nosa identidade, da nosa saúde e do noso futuro. É hora de que o Concello e a Xunta asuman os nosos montes como a grande infraestrutura verde e o servizo público esencial que son”, concluíu Igrexas.

Comparte este artigo