A fronte nacionalista vai esixir no Pleno deste vindeiro luns unha rectificación do Goberno local, ante a súa pretensión de pechar a instalación do Berbés todo o mes de xullo e a do Carme en horario de tarde, e que pode ser total tamén en agosto
Filipe Abalde: “Esta situación evidencia unha preocupante falta de planificación e outra tomadura de pelo coas persoas usuarias das instalacións deportivas municipais”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denuncia a pretensión do Goberno de Abel Caballero de pechar os ximnasios municipais de Vigo durante o verán. A fronte nacionalista vén de ter coñecemento de que o Concello planea pechar a instalación deportiva do Berbés todo o mes de xullo e a do Carme en horario de tarde, e alerta de que pode estenderse tamén en agosto.
O concelleiro do BNG, Filipe Abalde, interpelou esta semana na Comisión Informativa ao edil de Deportes, Manel Fernández, sen recibir ningunha resposta. Diante deste silencio, avanzou, o grupo municipal nacionalista vai demandar explicacións no Pleno municipal convocado para este vindeiro luns e esixir unha rectificación para evitar que as persoas usuarias dos ximnasios municipais “volvan ser castigadas” con novos peches.
“Ata cando o Goberno de Abel Caballero vai seguir a tomarlle o pelo ás e aos deportistas de Vigo?”, cuestionou Abalde, quen acusou o concelleiro delegado de “antepoñer a propaganda ao deporte de base”. Esta situación, afirmou, “evidencia unha preocupante falta de planificación e respecto polas persoas usuarias das instalacións deportivas”.
Graves prexuízos en maio e xuño
Lembrou a ese respecto os “graves prexuízos” que padeceron clubs e deportistas co peche de instalacións deportivas, como o complexo deportivo das Travesas e as pistas de atletismo, afectadas durante os meses de maio e xuño por causa do “despropósito” do desfile das Forzas Armadas celebrado en Vigo o pasado 30 de maio. Unha circunstancia que obrigou a suspender ou trasladar numerosas competicións, adestramentos e actividades deportivas por unha “decisión unilateral” do Goberno local. E que se suma, engadiu, aos peches intermitentes rexistrados nos últimos meses nos ximnasios.
“Cando aínda non se recuperou a normalidade tras aqueles peches, o Concello anuncia novas limitacións e clausuras durante o verán, privando á veciñanza do acceso a uns servizos polos que paga e aos que ten dereito”, lamentou Abalde, afeando que o Goberno de Caballero “estea máis preocupado polos grandes eventos que polo deporte popular”.
O concelleiro do Bloque esixiu que o Goberno municipal explique os motivos detrás destes peches, que aclare o número de persoas afectadas e que medidas compensatorias vai adoptar para minimizar os prexuízos que poden supoñer nas persoas usuarias e os clubs deportivos.
“Vigo precisa máis mantemento nas instalacións deportivas e máis apoio ao deporte de base, e sobre todo o que sobran son máis faltas de respecto aos deportistas por parte deste Goberno municipal”, remachou.

