Rosendo Fernández presidiu na Casa Grande de Viloira, sede da Deputación en Valdeorras, a comisión de seguimento deste xeodestino na que tamén se acordou continuar a investir en xerar notoriedade do destino a través das canles dixitais e medios especializados de tirada nacional
O xeodestino “Trevinca-Valdeorras”, xestionado polo Inorde, acordou na reunión de seguimento avanzar na creación de produtos turísticos orientados ao patrimonio etnográfico tales como festas culturais, gastronómicas e populares. Tamén acordaron analizar a oferta turística vencellada ao turismo industrial como un factor diferencial que ten este destino.
Así o decidiron na reunión de seguimento celebrada hoxe na Casa Grande de Viloira no Barco -sede da Deputación en Valdeorras-, onde se determinaron as accións a desenvolver ao longo deste ano de xeito coordinado entre os 9 concellos que integran este xeodestino.
Ademais de aprobar a liquidación da anualidade 2025 do ente, na reunión acordaron continuar na liña de traballo marcada nos últimos anos encamiñada a xerar notoriedade do destino a través das canles dixitais e dos medios especializados de tirada nacional.
A comisión de seguimento creada polos concellos e o Inorde, que suscribe un convenio coa Axencia de Turismo de Galicia para promover o destino, continuará tamén incentivando a aposta pola calidade e a sustentabilidade a través do SICTED que, actualmente, conta con 23 servizos turísticos públicos e privados distinguidos e 10 adheridos.
Os municipios que integran este xeodestino son: A Veiga, Larouco, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Petín, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras, A Rúa e Carballeda de Valdeorras.

