Oleiros homenaxea o labor das Fillas da Caridade polos seus 107 anos de servizo á parroquia

Redacción

 O Concello participou no acto de recoñecemento ás irmás da congregación

A comunidade educativa do Colexio A Milagrosa e a Asociación de Devotos da Medalla da Virxe da Milagrosa, coa colaboración do Concello de Ribeira, organizaron un acto de recoñecemento á congregación das Fillas da Caridade polos seus 107 anos de servizo ao conxunto da sociedade ribeirense e, en concreto, á parroquia de Oleiros; un legado que tomaron de Josefa Sobrido en 1918 cando cedeu o terreo e inmobles para destinalos á ensinanza das nenas da parroquia.

Esta homenaxe vén motivada pola decisión do Arcebispado de Santiago de Compostela e a Provincia España Norte das Fillas da Caridade de San Vicente de Paúl para o cambio de titularidade do Colexio A Milagrosa co obxectivo de que pase a integrarse na Fundación Ultreia, que xa xestiona dende hai uns anos o colexio de Castiñeiras.

A xornada comezou nas instalacións do centro cunha homenaxe na que participou a alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, quen manifestou que a emotividade do día “polos seus 107 anos en Oleiros. 107 anos de servizo á comunidade, 107 anos de educación, 107 anos de implicación coa parroquia. Como di o refraneiro, “é de ben nacidos, ser agradecidos” e, precisamente por tal motivo, estamos aquí todos para amosarlle o noso máis profundo aprecio e recoñecemento ás irmás desta congregación. Para todos os que estamos aquí, vós sodes veciñas e guías. Estamos falando de xeracións de ribeirenses que foron educados neste colexio, non só no plano académico, tamén no persoal a través dos valores que fostes quen de inculcar.”

Neste senso, a rexedora tamén tivo palabras de recoñecemento para a Fundación Ultreia que agora asume o testemuño: “agora ábrese un novo sendeiro para este centro que auguro que será todo un éxito e que, para tranquilidade do profesorado e familias, garante a continuidade do proxecto educativo, pastoral e social. E iso tamén é unha tranquilidade para nós como representantes do Concello de Ribeira, porque sabemos que os nenos e nenas poderán seguir neste colexio, en boas mans, e que se preserva a identidade e o proxecto marcado.” Así, o Concello de Ribeira fixo entrega dunha placa de agradecemento a sor Agustina, sor Alicia, sor Carmen Puga, sor Carmen Bugallo, sor Rosa Cabo e sor Rosa María.

Posteriormente, oficiouse unha misa presidida polo Arcebispo de Santiago de Compostela, Francisco José Prieto, xunto co diácono Ignacio José Delgado e os sacerdotes Alfonso, Sidonio, Silvestre e Juan Manuel.

Os asistentes desprazáronse deseguido á igrexa parroquial para o descubrimento da escultura en granito, da autoría de José Caamaño, na honra das Fillas da Caridade consistente no reverso da medalla da Milagrosa coa palabra “Gracias”, ademais de depositar un arranxo floral no panteón onde descansan os restos das irmás falecidas. Finalmente, celebrouse unha cea de confraternidade para lembrar experiencias e xerar novos recordos.

Comparte este artigo