O alcalde, Jacobo Pérez, acudiu á charla informativa impartida ás familias dos nenos e nenas inscritas
O programa busca garantir a conciliación familiar e laboral durante a temporada estival, ao tempo que ofrece ás crianzas actividades culturais e lúdicas que fomentan o respecto polo medio ambiente, a igualdade e o traballo en equipo, ademais de dar a opción de visitar lugares emblemáticos do propio concello
O alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, participou na tarde deste luns na habitual reunión informativa, que o Concello ofrece ás familias que inscribiron aos seus fillos e fillas nunha nova edición da Ludoteca de Verán. Trátase dunha iniciativa que ten como obxectivo facilitar e favorecer a conciliación familiar e laboral durante o período estival, época na que “son moitos os veciños e veciñas que precisan de ferramentas deste tipo, ao estar en plena temporada alta e atoparse as crianzas en época de vacacións”, tal e como lembrou o propio rexedor. Pérez Gulín deu a benvida aos inscritos e inscritas e destacou a alta demanda rexistrada, algo que xa vén sendo habitual nos últimos anos, ao completarse o 100% das prazas ofertadas tanto para todo o mes de xullo (200) como para a primeira quinquena de agosto (100). Aínda quedan matrículas dispoñibles para os últimos 15 días de agosto, cun prezo de 45 euros, que pode experimentar rebaixas para as familias numerosas ou aquelas que inscriban a máis dun neno ou nena.
A reunión tivo lugar no ximnasio do Colexio Alfonso VII, onde se levará a cabo a ludoteca, que dará comezo este mércores, 1 de xullo, e que se prolongará ata o 31 de agosto. A iniciativa está dirixida a rapaces e rapazas de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Ata os 7 anos, as actividades terán un carácter máis lúdicos, mentres que para os e as de 8 a 12 anos haberá un maior protagonismo para o deporte. O horario será de 8.30 a 14.30 horas, de luns a venres (exceptuando festivos). Ao igual que nas últimas edicións, o Concello apostou por manter o servizo de Plan Madruga, operativo desde as 7.30 horas. Durante o encontro informativo explicouse ás familias detalles relacionadas coa prestación e se resolveron as dúbidas prantexadas. A Ludoteca de Caldas de Reis vai moito máis alá dunha simple ferramenta de conciliación, tal e como recalcou Jacobo Pérez. “Esta é unha actividade que tamén incide no aspecto educativo e cultural, ao tempo que fomenta valores entre as crianzas relacionadas coa igualdade, o respecto polo medio ambiente ou o traballo en equipo”, aseverou o alcalde caldense. Se ben a meirande parte das actividades terán lugar no recinto escolar, tamén están proxectadas saídas e excursións, algunhas a pé e outras en autobús. Unha das cuestións nas que se porá o foco é na posibilidade de que a rapazada se familiarice e coñeza de primeira man algúns dos emprazamentos e espazos máis emblemáticos do propio concello. Así, están proxectadas visitas ao Xardín Botánico e á Carballeira, recentemente reformadas, así como a outros lugares como a contorna da Tafona ou A Prazuela.
O alcalde desexou a toda a rapazada “o máis felices dos veráns nunha ludoteca que é un referente na nosa comarca e pola que imos continuar apostando no futuro”.

