O BNG de Vigo esixe ao Goberno de Caballero que deixe de “boicotear” os eventos organizados polo tecido asociativo

Redacción

A fronte nacionalista denuncia “atrancos e enormes demoras” na tramitación de permisos e reclama máis persoal municipal e apoio económico para as actividades dos colectivos veciñais

Xabier P. Igrexas: “Non pode ser que a incapacidade do Goberno acabe por facer desaparecer actividades tan importantes como o festival Sons da Industria ou as fogueiras de San Xoán”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo esixe ao Goberno municipal de Abel Caballero que deixe de “poñer atrancos e boicotear” os eventos e actividades impulsadas polo tecido asociativo da cidade. A fronte nacionalista denuncia que a “incapacidade na xestión” da Concellaría de Seguridade, dirixida pola imputada Patricia Rodríguez Calviño, está a converterse nunha “sabotaxe institucional” que engade dificultades á organización de iniciativas culturais e sociais promovidas por asociacións e colectivos sen ánimo de lucro.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, criticou que entidades que poñen os recursos e o traballo para facer posíbeis actividades abertas á veciñanza se atopen cunha administración que, en lugar de axudar e facilitar, converte a tramitación de permisos nunha “xincana insoportábel”.

“Non ten explicación que sistematicamente se estean a resolver os permisos a escasas horas do inicio dos eventos, ou que se notifiquen novos requirimentos sen apenas tempo material”, afirmou Igrexas, que puxo como exemplo as recentes fogueiras de San Xoán e outras actividades culturais.

Atrasos inxustificábeis

Igrexas cuestionou que o Concello poida tardar “un mes en tramitar o permiso para unha fogueira de San Xoán” ou para “un pequeno festival musical nunha praza”, mentres continúan sen cubrirse numerosas prazas do cadro de persoal municipal.

“O Concello mantén 435 prazas de persoal municipal sen cubrir, postos que permitirían axilizar a xestión e mellorar unha atención que hoxe é precaria por parte da administración municipal”, sinalou Igrexas.

Para o BNG, estes atrasos non son un problema puntual, senón consecuencia dun modelo de xestión que traslada ás asociacións e colectivos as consecuencias da falta de planificación e recursos.

Máis apoio

A fronte nacionalista denunciou tamén a falta de apoio económico municipal ás iniciativas gratuítas organizadas polo tecido asociativo, lembrando que o Concello deixou sen executar 150 millóns de euros no pasado exercicio.

“Resulta incomprensíbel que un Concello que deixou sen gastar esa cantidade de recursos negue apoio económico a eventos que organizan colectivos sen ánimo de lucro, limitándose a axudas miserentas que non cobren nin unha mínima parte dos custos”, afirmou Igrexas.

Diante desta situación, o BNG reclama que o Goberno municipal adopte “todas as medidas necesarias para deixar de aplicar violencia administrativa” e facilitar o traballo das entidades que dinamizan os barrios e parroquias.

Igrexas advertiu de que o desleixo municipal pode poñer en risco iniciativas consolidadas da cidade. “Non pode ser que a incapacidade do Goberno acabe por facer desaparecer actividades tan importantes como o festival Sons da Industria ou as fogueiras de San Xoán”, sinalou.

“Vigo precisa menos propaganda e máis xestión, menos autobombo e máis solucións”, remachou o portavoz municipal do BNG.

Comparte este artigo