A fronte nacionalista aprema o Executivo de Caballero “a que se poña a traballar” para evitar que o orzamento de 2026 volva “marcar un novo récord de inexecución”, tras deixar o pasado ano 150 millóns de euros sen gastar
Xabier P. Igrexas: “As viguesas e vigueses merecen e precisan dun Concello que humanice de verdade a cidade poñendo as persoas no centro”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) reclamou este mércores que o Goberno municipal de Vigo dea prioridade aos principais problemas da cidade como a política social, o emprego e a vivenda. A fronte nacionalista apremou o Executivo de Abel Caballero “a que se poña a traballar” para evitar que o orzamento de 2026 volva “marcar un novo récord de inexecución”, tras deixar o pasado ano 150 millóns de euros sen gastar.
“Cada euro sen executar é un euro que non retorna á veciñanza, que non se destina a atender as necesidades reais da cidade”, salientou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas. Asegurou que as viguesas e vigueses “merecen e precisan dun Concello que humanice de verdade a cidade poñendo as persoas no centro”, converténdose nun parapeto social fronte a crise e ao empobrecemento a través dos “inmensos recursos e capacidade municipal para a quen o precisa”.
A ese respecto, Igrexas criticou que o pasado exercicio o Goberno local deixara sen executar o 20% das axudas sociais de emerxencia, a pesar de contar cun orzamento “ridículo” de 1,3 millóns de euros. “É indecente nun contexto de emerxencia social, con máis de 60 mil viguesas e vigueses en risco de exclusión social e pobreza, Abel Caballero se permitira o luxo de deixar sen gastar 258 mil euros de axudas sociais”, valorou, lembrando que en moitos fogares da cidade “cada día 15 xa é final de mes”, que hai centos de persoas acudindo a bancos de alimentos e comedores sociais para garantir a súa alimentación e máis de 200 sen fogar malvivindo nas rúas de Vigo.
Emprego e vivenda
O portavoz municipal nacionalista puxo o foco tamén na baixa execución do Plan Municipal de Emprego, dos que só se gastaron o pasado exercicio 775.000 euros malia que a cidade continúa a ter 7.000 postos de traballo menos que no ano 2009 e que cada ano centos de mozas e mozos “vense expulsadas á emigración por falla de oportunidades laborais dignas e estábeis”.
No relativo a vivenda, Igrexas cuestionou que se gastasen “cero euros” para desenvolver proxectos de vivenda protexida ou social, cando a cidade conta con máis de 10.000 familias rexistradas como demandantes e a pesar do “encarecemento insoportábel” dos prezos de alugueiro, con máis da metade dos inmóbeis dispoñíbeis nestes momentos por riba dos 1.000 euros mensuais.
“Insensibilidade” de Caballero
“Estamos diante do retrato contante e sonante da política aparencial, de parque temático, do desgoberno de Abel Caballero”, cuestionou o voceiro municipal do Bloque, que acusou o alcalde de Vigo de “insensibilidade” diante dos problemas que padece a maioría social que representan as clases populares e traballadoras. “Un Goberno abonado a grandes proxectos inaugurábeis, a moitos anuncios propagandísticos e grandes fastos, pero que desatende o fundamental: evitar que ninguén quede atrás”, resumiu.
Puxo como exemplo o gasto en luces de Nadal, que triplica o investimento en axudas sociais, así como que se dediquen máis do duplo de recursos municipais a “dopaxe publicitaria” que a políticas de promoción do emprego, ou que se subvencione á Igrexa Católica con máis diñeiro público que para atender a vivenda como principal problema social da cidade.

