Executáronse un 64’9% das medidas contempladas
O Concello de Ribeira celebrou no 30 de xuño a Comisión de Igualdade composta polos representantes dos distintos departamentos municipais para constatar e debater os resultados da avaliación do grao de execución das medidas contempladas no III Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes, correspondente ao período de vixencia 2019- 2023.
“Este encontro de traballo permitiunos ver o nivel de desenvolvemento das actuacións previstas, identificar os avances acadados durante a súa execución, detectar aquelas medidas que non chegaron a implantarse ou que o fixeron de maneira parcial e extraer conclusións que permitan orientar a planificación das futuras políticas municipais de igualdade”, segundo puxo en valor a concelleira de Igualdade, Ana Barreiro.
O III Plan de Igualdade eríxese como a folla de ruta das políticas municipais de igualdade durante o período 2019-2023 prorrogado ata a actualidade. Para a súa avaliación, fíxose un repaso de maneira individualizada cada unha das medidas previstas nesta ferramenta en materia de igualdade, a cal se estrutura en 8 Áreas Estratéxicas, 8 Obxectivos Estratéxicos, 21 Obxectivos Operativos e 80 medidas. Segundo os datos extraídos en cifras, contémplase un 64’9% de medidas executadas (50), un 28’6% parcialmente executadas (22) e un 6’5% non executadas (5).
Durante a xuntanza, presentouse un borrador técnico de traballo que será sometido á revisión das distintas áreas municipais participantes, coa finalidade de incorporar as aclaracións, evidencias ou achegas que poidan completar a información recompilada antes da elaboración da versión definitiva do informe de avaliación do III Plan de Igualdade. A dita avaliación realizouse seguindo unha metodoloxía participativa e baseada na análise de evidencias, combinando diferentes fontes de información co fin de ofrecer unha valoración o máis obxectiva e rigorosa posible. Para iso empregáronse, entre outras, as seguintes técnicas e instrumentos:
Revisión do III Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes do Concello de Ribeira.
Análise das memorias anuais do Centro de Información ás Mulleres (CIM) e doutra documentación técnica elaborada polos distintos servizos municipais.
Revisión de programas, campañas, proxectos e actuacións desenvolvidas durante o período de vixencia do Plan.
Realización de entrevistas semiestruturadas co persoal técnico responsable das diferentes áreas municipais implicadas na execución das medidas.
Contraste da información achegada polos distintos departamentos coas evidencias documentais dispoñibles.
En canto ás fortalezas ou logros acadados dentro das 8 Áreas
Estratéxicas destacan:
Administración e coordinación institucional: Consolidouse a transversalidade da igualdade na maior parte das áreas municipais.
Atención ás violencias de xénero: Consolidouse unha rede municipal de atención integral ás vítimas.
Empoderamento e participación social das mulleres: Incrementouse a visibilización das mulleres e a colaboración co tecido asociativo.
Educación en igualdade: Consolidouse unha programación continuada de actuacións educativas en igualdade e prevención das violencias machistas en colaboración cos centros educativos.
Conciliación e corresponsabilidade: Mantívose unha ampla oferta de servizos de conciliación e apoio ás familias.
Formación e emprego: Consolidouse unha ampla oferta de orientación laboral e formación, con elevada participación feminina.
Benestar social: Desenvolvéronse actuacións continuadas de promoción da saúde, apoio ás persoas coidadoras e atención a mulleres en situación de vulnerabilidade.
Cultura, deportes, turismo e lecer: A perspectiva de igualdade integrouse progresivamente na programación cultural, deportiva e turística.

