Narón acolle un ano máis o Campus Hockey Coruña que reúne preto de 200 nenos e nenas no Val

Redacción

Xogadores de primeiro nivel, entre eles varios campións do mundo, exercen de monitores neste campus de tecnificación que combina hóckey sobre patíns con outras actividades como piscina e paintball

Narón acolle, por segundo ano consecutivo, o Campus Hockey Coruña Bargalló Cancela, coorganizado polo propio Campus Hockey Coruña, o Club Hockey Narón e o Concello de Narón. O pavillón polideportivo do Val volve ser o epicentro da actividade, que se desenvolve en dúas quendas dunha semana cada unha e conta, un ano máis, coa colaboración da Asociación de Veciños Irmandiños.

En total, máis de 200 nenos e nenas participarán este ano no campus, procedentes tanto de Narón como doutros puntos de España e Portugal. Os participantes, nados entre 2007 e 2018, divídense por categorías de idade: mentres os maiores adestran na pista do Val, os máis pequenos alternan piscina e paintball, para despois trocar de actividade, de xeito que todos pasan por cada unha delas ao longo da semana.

Alén do hóckey sobre patíns, o programa inclúe estas outras actividades complementarias. Os participantes pernoctan na residencia Feal, en grupos separados de nenos e nenas, almorzan e cean no Quijote, e comen no propio pavillón, onde reciben o menú da man do servizo de catering. A organización destacou a implicación de toda a hostalaría naronesa e, de novo, da Asociación de Veciños Irmandiños, que colaboran activamente coa boa marcha do campus.
O nivel de tecnificación é un dos selos de identidade deste campus. Os monitores van desde xogadores que aínda compiten en categorías superiores até campións do mundo. É o caso de Jordi Bargalló, campión do mundo e actualmente segundo seleccionador nacional na categoría absoluta, ou do gardameta portugués Víctor Sousa, recoñecido internacionalmente no mundo do hóckey.

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, visitaron este mércores ás e aos participantes, destacando o orgullo que supón para Narón consolidarse coma sede deste campus e agradecendo, un ano máis, o traballo do Club Hockey Narón ao longo de toda a tempada.

Comparte este artigo