A actividade dá resposta a unha proposta veciñal e terá lugar o vindeiro luns, 6 de xullo, ás 19.30 horas no Parque da Prazuela, xusto antes do inicio do partido de oitavos de final entre España e Portugal (21.00 horas)
O alcalde adianta que se a Selección Española se clasifica para a final do torneo habilitarase unha pantalla xigante na Tafona, con ambientación musical, para presenzar ese encontro
O Parque da Prazuela de Caldas de Reis é o escenario elixido para acoller unha iniciativa novidosa, que terá lugar o vindeiro luns, 6 de xullo, pensada para rapazas e rapaces de todas as idades a quen lles apaixoe o fútbol e a colección de cromos.
Será a partires das 19.30 horas cando comece a primeira edición do Intercambio de Cromos do Mundial. Trátase dunha proposta lúdica que, tal e como explica o alcalde, Jacobo Pérez, nace a raíz dunha petición veciñal. “Consideramos que esta actividade pode atraer a moitos nenos e nenas aos que lles gusta intercambiar cromos para encher as súas álbumes, nunha época do ano na que, ao remataren as clases, é máis complicado de conseguir”, sinala. Lembra o rexedor que esta práctica foi moi habitual durante diferentes xeracións e aínda hoxe está a ter un gran éxito. “É unha proposta que sumamos ás actividades que se realizan no verán, para que a mocidade poida reencontrarse nun entorno como A Prazuela”, sinalou. Desde o Concello anímase á veciñanza de toda a bisbarra a que se sumen a esta proposta que, ademais, vaise celebrar unha hora e media antes de que dea comezo o partido que a Selección Española xogará contra Portugal, ás 21.00 horas, correspondente aos oitavos de final do Mundial. “Que mellor maneira que gozar dun partido tan importante que compartindo a experiencia con amizades nalgunha das terrazas dos establecementos hostaleiros que temos en Caldas de Reis”, animou Jacobo Pérez. Para dar difusión a esta proposta, o alcalde visitou esta mañá á rapazada que participa na Ludoteca de Verán, para entregar carteis informativos sobre a cita do vindeiro luns.
Por outra banda, no caso de que España sexa capaz de clasificarse para a final do Mundial, o Concello, en colaboración coa Asociación de Hostalería de Caldas de Reis, ten previsto instalar unha pantalla xigante para presenzar o partido, que sería o domingo 19 de xullo. “De momento, a Selección está cumprindo e nós queremos facelo tamén organizando un punto de encontro no que gozar todas e todos dun encontro tan especial”, recoñece Pérez Gulín. A intención é habilitar a pantalla na Tafona, onde tamén habería ambientación musical.

