O Liceo Marítimo de Ribeira promove a terceira mostra de modelismo naval

Redacción

 O Concello colabora con este proxecto que amosará unhas 60 maquetas

Unhas 60 maquetas integran a terceira mostra de modelismo naval que promove o Liceo Marítimo de Ribeira coa colaboración de varias entidades, entre elas, o Concello. Barcos vikingos, pesqueiros, embarcacións tradicionais ou navíos a vapor escala algúns dos modelos que poderá contemplar o público a pequena escala do 11 de xullo ao 4 de agosto nas propias instalacións do Liceo como deron a coñecer a concelleira de Cultura, Ana Barreiro; o edil de Mar, Fernando Abraldes; o presidente do Liceo, José Gude; e o modelista e organizador, Manuel Sampedro.

A titular de Cultura manifesta que “esta é unha forma máis de expresión artística levando a pequena escala algunhas das embarcacións que marcaron as nosas singraduras por mar, con moita rigorosidade e unha técnica moi pulida.” Pola súa parte, para o responsable de Mar, gabou este tipo de iniciativas que “poñen máis en valor a nosa relación histórica co medio mariño e o público asistirá non só a contemplar o talento dos modelistas, senón que tamén a unha liña cronolóxica de como evolucionaron as travesías náuticas.”

O acto inaugural será no sábado, 11 de xullo, ás 13.00 horas, e as visitas poderanse realizar de luns a venres, en horario de 09.30 a 14.00 e de 17.30 a 20.00 horas, así como sábados, domingos e festivos, dende as 10.00 ata as 14.00 horas. Se ben a entrada é libre, recolleranse donativos para a Asociación Española Contra o Cancro.

Comparte este artigo