O BNG esixe á Xunta que rectifique o peche de camas e os recortes na sanidade pública en Vigo este verán

Redacción

A fronte nacionalista acusa o Goberno galego de provocar o “colapso” da atención sanitaria cun “desmantelamento programado” nos hospitais e nos centros de saúde

Montse Prado: “Non hai escusas de falta de profesionais, o que hai é unha nula vontade política, precariedade estrutural e un castigo sistemático á sanidade pública de Vigo para favorecer o negocio privado”

Xabier P. Igrexas: “Vigo non se vai por de xeonllos ante o castigo da Xunta do PP, Imos defender o noso dereito a unha sanidade 100% pública, universal e de calidade”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) esixe á Xunta de Galiza que rectifique o peche de camas e os recortes programados na sanidade pública de Vigo para este verán. A fronte nacionalista demanda unha “rectificación inmediata e completa” para evitar unha nova situación de “colapso” na atención sanitaria da cidade e da área.

Así o denunciaron este luns a deputada e portavoz de Sanidade do BNG, Montse Prado, xunto ao portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, en resposta á decisión do Sergas de pechar 180 camas nos hospitais Álvaro Cunqueiro e Meixoeiro, á suspensión de cando menos 18 intervencións cirúrxicas nos últimos días por falla de persoal de enfermería e aos recortes na atención nos centros de saúde.

“Estamos ante unha nova labazada do PP á saúde das viguesas e dos vigueses”, valorou Prado, anunciando que o Bloque vai rexistrar iniciativas no Parlamento galego fronte ao plan estival da Xunta para a área sanitaria de Vigo. “Non é planificación senón un desmantelamento programado que dinamita o noso dereito á saúde”, censurou a deputada nacionalista.

Nese sentido, tachou de “intolerábel” que un verán máis se pechen 180 camas, un “recorte salvaxe” que, advertiu, está xa a provocar “colapso” na atención hospitalaria. En relación á suspensión de intervencións cirúrxicas, rexeitou as explicacións do Goberno galego sobre problemas puntuais e sinalou á “insuficiencia estrutural de persoal” e ás “condicións laborais marcadas pola precariedade e a temporalidade” como motivos principais. “O Sergas di ter esgotadas as listas de contratación e a súa única resposta é cruzar os brazos mentres os quirófanos botan o feche”, criticou Prado.

Centros de saúde baixo mínimos

De igual xeito acusou a Xunta de “asfixiar” un verán máis a Atención Primaria en Vigo, con centros de saúde “baixo mínimos” e sen citas dispoñíbeis para este mes de xullo. A deputada do BNG cargou contra a “drástica redución” de servizos, coa maioría de ambulatorios pechados en horario de tarde e con centos de nenos e nenas sen atención pediátrica nos seus centros.

“Non hai escusas de ‘falta de profesionais’, o que hai é unha nula vontade política, precariedade estrutural e un castigo sistemático á sanidade pública de Vigo para favorecer o negocio privado”, remachou Prado, esixindo unha rectificación urxente para contar con todas a camas dispoñíbeis nos hospitais, cubrir as vacantes de enfermería e garantir unha atención “digna e de calidade” nos centros de saúde durante todo o ano.

A enfermidade non colle vacacións

De por parte, o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, acusou o PP de “pretender baixar a persiana” da sanidade pública de Vigo un novo verán. “Coma se a enfermidade collese vacacións ou coma se as viguesas e os vigueses non tivesemos dereito á saúde nos meses de calor”, reprochou.

Igrexas preguntouse até onde vai levar o Goberno de Rueda a “política de recortes e privatizacións” que, ao seu xuízo, converteron Vigo e a súa área na “zona cero da desfeita sanitaria” de toda Galiza. “Dende o Bloque dicimos basta e esiximos que rectifique hoxe mesmo”, afirmou, asegurando que a fronte nacionalista vai seguir defendendo con “contundencia” o dereito a unha sanidade 100% pública, universal e de calidade.

O portavoz municipal do BNG lembrou os máis de 15 anos de “castigo” da Xunta do PP contra a sanidade pública viguesa, co Hospital Álvaro Cunqueiro “privatizado, recortado e cun sobrecusto de 470 millóns de euros” e co contrato singular con Povisa que, criticou, perpetúa unha atención sanitaria “segregada e de dúas velocidades”.

Cargou tamén Igrexas contra o desmantelamento dos centros de saúde de Vigo e contra a reiterada negativa do PP de reforzar con dous novos Puntos de Atención Continuada (PAC) nos barrios de Teis e en Navia-Coia diante da “insuficiente” cobertura que ofrece o único PAC de Pizarro. 

Comparte este artigo