O concello de Caldas de Reis acomete un zafarrancho para adecentar e limpar beirarrúas e espazos públicos no casco urbano e no rural

Redacción

A actuación dará comezo nos vindeiros días e agárdase que o zafarrancho se complete en todo o municipio a mediados de agosto

Jacobo Pérez, lembra que esta é a terceira vez que se leva a cabo esta acción desde que chegou á Alcaldía, en apenas un ano e medio, dando resposta ás demandas veciñais

O alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, informa de que nos vindeiros días o Concello acometerá traballos para reforzar a posta a punto e limpeza de beirarrúas e espazos públicos, tanto no casco urbano como no rural. Maila que este tipo de actuacións son cada vez máis habituais no último ano e medio, Pérez Gulín é consciente da necesidade de que estes labores se acentúen durante a tempada estival. “O acondicionamento e a limpeza de maneira periódica en todo o municipio foi un dos compromisos que adquirimos ao chegar á Alcaldía a finais de 2024 e estamos traballando nesa liña”, lembrou o rexedor caldense. Este novo zafarrancho porase en marcha próximamente, unha vez rematen os traballos de reparación de fochancas e baches nas vías municipais. Segundo explicou Jacobo Pérez, os operarios irán traballando por zonas e barriadas.

Previamente, irase informando ás persoas residentes nos lugares nos que se actúe, xa que será necesario prohibir temporalmente o estacionamento de vehículos nas zonas nas que se traballo, para garantir o paso da maquinaria. “Ademais de traballos de limpeza a man, tamén se vai facer uso da hidrolavadora e da barredora, co cal os operarios precisan de espazo suficiente para garantir que os traballos se realicen con todas as garantías”, sinalou. Asemade, vaise continuar cos traballos de limpeza nas parroquias do rural. “A nosa intención é que de aquí ao 15 de agosto quede todo o concello revisado e adecentado”, explicou.

Este será o terceiro zafarrancho de limpeza completa que se realiza a todos os niveis desde a chegada de Jacobo Pérez á Alcaldía. Trátase dunha actuación que dá resposta ás demandas veciñais e que serve para reforzar os traballos que se levan a cabo no resto do ano.
“Facémolo para paliar a falta de persoal que ten o Concello para a recollida de RSU”, apunta Pérez Gulín, que destaca que os resultados desde o inicio destas actuacións de reforzo déixanse notar con forza nas rúas do casco histórico e do rural. “Queremos un Caldas de Reis limpo e cómodo para a toda a veciñanza e para as persoas que nos visitan, así como para os peregrinos que fan o Camiño Portugués, durante os 12 meses do ano, se ben somos perfectamente conscientes de que nestes meses de verán é cando se rexistra un maior tránsito de persoas pola nosa vila”, conclúe.

Comparte este artigo