Denuncia que non hai case ningún servizo externalizado que cumpra de maneira estrita o fixado nos contratos e critica que o Goberno de Caballero “se limite ollar para outro lado”
Xabier P. Igrexas: “Vigo non pode seguir sendo o paraíso da impunidade para as empresas privadas que fan negocio cos cartos dos vigueses e das viguesas”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) reclama unha auditoría integral e independente de todos os contratos e servizos privatizados do Concello de Vigo. A fronte nacionalista denuncia que non hai case ningún servizo externalizado que cumpra de maneira estrita o fixado nos pregos de contratación e critica que o Goberno de Abel Caballero “se limite ollar para outro lado e facer como que non sabe nada”.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, asegurou que é “urxente levantar as alfombras e poñer fin á barra libre” ante as reiteradas denuncias de incumprimentos e irregularidades. Esixiu que o Concello deixe de pagar por servizos que non se prestan nas condicións pactadas e lamentou que se permita a empresas incumprir a dotación de persoal necesaria ou non respectar os dereitos laborais.
Igrexas acusou o Goberno local de levar a cabo unha “estratexia deliberada” para desmantelar os servizos públicos. “O Goberno de Abel Caballero é o campión das privatizacións, e converteu o Concello nun caixeiro automático para as grandes empresas privadas”, afirmou.
Lembrou que hoxe 2 de cada 3 euros do orzamento municipal, máis de 135 millóns de euros, son destinados a xestión indirecta e externalizacións. Namentres, afeou, están sen cubrir 435 prazas públicas de traballadores e traballadoras municipais pola inexecución das Ofertas Públicas de Emprego. “Vigo non pode seguir sendo o paraíso da impunidade para as empresas privadas que fan negocio cos cartos dos vigueses e das viguesas.
Comisión de Vixilancia da Contratación
Diante desta falla de control e opacidade, o portavoz municipal do BNG insistiu na necesidade de crear de inmediato a Comisión de Vixilancia da Contratación. Un órgano que, subliñou, é unha obriga legal recollida no Regulamento do Pleno e “non un capricho do Bloque”. Igrexas cuestionou as razóns para que o alcalde leve anos negándose a poñelo en marcha: “Que non quere que se coñeza? Que e a quen quere tapar?”.
Dende a fronte nacionalista salientaron que a cidade “merece” un goberno que defenda o patrimonio público, xestione con transparencia e poña os servizos públicos ao servizo das veciñanza en lugar do beneficio millonario de grandes empresas privadas. “O BNG non vai ser cómplice deste espolio; imos seguir esixindo que cada euro público se audite”, advertiu Igrexas.

