• O Fórum Carballo acolle o XIX Curso de verán «Traballando en Lingua», centrado este ano na memoria democrática e na normalización lingüística
• O alcalde, Daniel Pérez López, participou no acto inaugural xunto á vicerreitora da UDC, Cristina López Villar, e o secretario xeral da Lingua, Valentín García Gómez
Carballo volve ser desde hoxe a sede de referencia para o deseño e a análise das políticas de futuro do idioma coa celebración do XIX Curso de verán sobre dinamización lingüística Traballando en Lingua, que este ano leva por título Memoria democrática e lingua: a quimera da normalización.
O acto de apertura contou coas intervencións de Cristina López Villar, vicerreitora responsable do Servizo de Normalización Lingüística da UDC; Valentín García Gómez, secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, e Daniel Pérez López, alcalde de Carballo. Tras a benvida institucional, o doutor en Filoloxía Románica e catedrático Francisco Rodríguez Sánchez impartiu a conferencia O conflito lingüístico na Galiza de hoxe.
Daniel Pérez amosou o orgullo do municipio por acoller o encontro: «Que este curso de verán vaia xa pola súa décimo novena edición demostra dúas cousas: a solvencia do Servizo de Normalización Lingüística da UDC e o compromiso deste concello coa nosa identidade. Carballo non é só o escenario onde se fala de dinamización; Carballo é un axente activo que respira, traballa e fala en galego todos os días do ano».
Ao fío do lema deste ano, o rexedor carballés sinalou que «cando falamos de memoria democrática, ás veces esquecemos que a maior perda de dereitos que sufriu o noso pobo veu acompañada do intento de silenciar a nosa palabra».
Finalmente, Pérez López reivindicou o papel das administracións locais, e destacou que «desde o ámbito local, desde os concellos, sabemos que a lingua se defende no día a día: no comercio, nas escolas, na toponimia que nos define e na música que escoitan os nosos mozos. Ese é o noso obxectivo diario”, e nese sentido destacou o traballo que se está a facer desde a área de Normalización Lingüística.
“O galego é a ferramenta coa que queremos construír o noso futuro. Deséxovos dúas xornadas de debate intenso, rigoroso e, sobre todo, transformador. Que as conclusións que saian deste Fórum Carballo nos axuden a dar pasos firmes para que a normalización plena deixe de ser unha quimera e sexa, por fin, a nosa realidade cotiá”, rematou o alcalde.
Ao longo de hoxe e de mañá, o Fórum Carballo acollerá relatorios, comunicacións académicas, mesas redondas e dinámicas obradoiro arredor de eixes como a toponimia, os medios de comunicación, o ensino e a xestión municipal.
O Concello de Carballo ten un papel moi activo nestas mesas. A concelleira de Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret Rodríguez, e a concelleira de Educación, María Mar Eirís Villar, encárganse de moderar paneis clave sobre a pegada histórica do galego e o papel da música na dinamización. Así mesmo, o historiador local Hadrián García Pérez guiará os participantes nunha ruta polo mapa literario de Carballo mañá pola mañá.

