• Foi unha das propostas que a popular propuxo durante o pleno provincial no que pedía ao Goberno estudar outras alternativas ao proxecto soterrado, e na que tamén insistiu o PP local.
A deputada provincial, Pepa Pardo, entende que, unha vez que se confirma que o convento de Santa Clara se vai incorporar ao Museo de Pontevedra, “o Goberno provincial debe renunciar ao proxecto de reforma soterrada, unha actuación agresiva coa contorna e excesivamente cara que xa non ten sentido”.
Nesta liña, sinala que desde o PP sempre defenderon que se estudasen outras alternativas para ampliar o Museo, e de feito, recorda que a proposta de destinar Santa Clara saíu desde o Partido Popular, tanto na Deputación como no concello. Foi durante o pleno provincial do pasado mes, no que Pardo defendeu unha moción para reclamar á Deputación que estudase outras alternativas para o Museo, entre as que incluía Santa Clara, proposta na que insistiu posteriormente o PP local ao coñecer que o Concello de Pontevedra compraba o convento.
Pardo entende que “co anuncio do alcalde de Pontevedra e do vicepresidente da Deputación carece de todo sentido manter a proxectada reforma soterrada do Museo de Pontevedra, e por iso entendemos que actuarán en consecuencia. Santa Clara é unha alternativa moi boa que estará á altura”. A deputada di que, ademais, “é unha proposta de consenso, lonxe do proxecto que prevé unha ampliación soterrada na zona vella, coa que queren gañar case 1.900 metros cadrados para o Museo e que conta cun orzamento excesivo que nin sequera o Goberno provincial sabe calcular a cantos millóns de euros pode ascender”.



