O Concello de Carballo abre o prazo de inscrición para o programa “Concilia” de cara ao vindeiro curso 2026/2027

Redacción

• A campaña tamén inclúe unha convocatoria específica para os días non lectivos de principios de setembro

• As solicitudes pódense presentar de xeito telemático a través da Sede Electrónica ou presencialmente no Rexistro Xeral

O Concello de Carballo, a través do Centro de Información á Muller (CIM) e a Concellería de Servizos Sociais, activa a campaña de matriculación para o programa de conciliación familiar “Concilia” de cara ao curso escolar 2026/2027. O prazo estará aberto desde hoxe ata o 10 de agosto ás 23:59 horas. O obxectivo prioritario desta iniciativa segue a ser o apoio ás familias do municipio, facilitando a compatibilidade dos horarios laborais cos escolares e fomentando, ao mesmo tempo, a autonomía dos máis pequenos.

Para aquelas familias que necesiten cobertura antes do inicio oficial do curso escolar, o Concello ofrece unha modalidade específica para os días 1, 2, 3, 4, 7 e 8 de setembro. Dado que o número de prazas é limitado, a adxudicación farase por orde de inscrición. Este servizo especial vaise desenvolver nas instalacións de Pequeñis (Rúa Álvaro Cunqueiro, nº 1) en horario de 7:00 a 14:30. Ten un custo de 10,40 € por día (co servizo de almorzo xa incluído).

Paralelamente, tamén se abre o prazo de solicitude ou renovación de praza para o servizo regular do programa “Concilia” durante todo o ano académico, dirixido ao alumnado de Educación Infantil e Primaria dos colexios nos que se reciban un mínimo de solicitudes. Ata agora, o servizo vense prestando nos CEIP Fogar, Bergantiños e Gándara-Sofán.

O programa dispón dunha gran flexibilidade horaria con entradas graduadas cada 15 minutos (dende as 7:00 ata as 9:00 horas) e o servizo de almorzo prestarase ata as 8:30 horas. As familias poden optar por diferentes modalidades de asistencia: curso completo, días soltos semanais (de 1 a 4 días) ou quendas de semanas alternas e días soltos ocasionais.

As tarifas ordinarias oscilan, segundo a modalidade elixida, entre os 38,46 € mensuais polo curso completo sen almorzo (51,43 € con almorzo incluído) e prezos proporcionais para os días soltos. Ademais, existen bonificacións e reducións de prezos aplicables ás matrículas mensuais completas para familias numerosas, monoparentais ou por criterios de renda, achegando a documentación correspondente.

Presentación de solicitudes
Todas as solicitudes, xunto coa documentación requirida (copia dos DNI, tarxeta sanitaria do alumno/a, datos bancarios e, se fose o caso, informes médicos ou xustificantes para redución de taxa), deben presentarse obrigatoriamente a través do Rexistro Xeral do Concello de Carballo.

As vías dispoñibles son:
• Sede Electrónica: de forma telemática na ligazón oficial sede.carballo.gal.
• Rexistro Xeral: de xeito presencial na planta baixa do Concello ou en calquera dos rexistros auxiliares
• Calquera outro dos rexistros previstos na Lei 39/2015 do Procedemento Administrativo Común.

Para obter máis información, as persoas interesadas poden poñerse en contacto co Centro de Información á Muller (CIM) nos teléfonos 981 700 688 ou 638 123 460.

Comparte este artigo