A Xunta salienta a axilidade de Augas de Galicia para acometer actuacións de conservación fluvial en ríos de Padrón e evitar arrastres de cinzas tras o lume

Redacción
  • Ángeles Vázquez explica que as actuacións, cun investimento de máis de 46.000 euros, responden a criterios técnicos e preventivos co obxectivo de reducir a erosión, protexer a calidade das augas e diminuír o risco de inundacións nas zonas afectadas
  • Actuarase en 1,5 quilómetros de canles, distribuídos entre os regos de Herbón, Lamas e Xuane coa aplicación de acolchados con palla (mulching), a instalación de cordóns vexetais e a colocación de albarradas
  • Augas de Galicia conta desde hai anos con contratos plurianuais de conservación e mantemento fluvial, que fan posible traballar de xeito continuo ao carón dos ríos e facilita actuar de urxencia en caso necesario

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo hoxe en valor a axilidade de Augas de Galicia para acometer actuacións de conservación fluvial en ríos de Padrón para evitar arrastres de cinzas tras o incendio forestal rexistrado na localidade o pasado mes de xuño.

De feito, tal e como sinalou a conselleira durante a visita que realizou hoxe a un dos regos no que se se está a traballar, persoal de Augas de Galicia avaliou sobre o terreo os danos ocasionados nas canles fluviais tras a extinción do incendio para determinar as solucións urxentes necesarias para minimizar os efectos do lume sobre o dominio público hidráulico.

Así, as inspeccións técnicas permitiron identificar os puntos de maior risco e deseñar actuacións específicas para evitar o arrastre de cinzas, sedimentos e solo cara aos ríos, anticipándose aos efectos das choivas e preservando a funcionalidade hidráulica das canles.

Segundo aseverou Ángeles Vázquez, as actuacións, que contan cun investimento previsto de máis de 46.000 euros, “responden a criterios técnicos e preventivos co obxectivo de reducir a erosión, protexer a calidade das augas e diminuír o risco de inundacións nas zonas afectadas polo incendio”.

En concreto, actuarase en 1,5 quilómetros de canles, distribuídos entre os regos de Herbón, Lamas e Xuane, así como en dúas vías de concentración de fluxo que canalizan a auga cara a estes cursos fluviais.

Os traballos, que se prolongarán ao longo de oito semanas, inclúen a aplicación de acolchados con palla (mulching) nunha superficie de 0,46 hectáreas, a instalación de 1.223 metros de cordóns vexetais ao longo das marxes das canles e a colocación de 73 metros de albarradas distribuídas en 11 tramos. Ademais, tamén se acometerá a reconstrución de dous tramos de canle a través da retirada de terra e da biomasa acumuladas, a restitución da súa sección natural e a plantación de especies de ribeira que contribúan á estabilización das marxes e á recuperación ambiental da canle.

Contratos plurianuais

Logo de incidir na importancia de levar a cabo estes traballos antes de que as cinzas se mobilicen como consecuencia das choivas, a conselleira lembrou que Augas de Galicia conta desde hai anos con contratos plurianuais de conservación e mantemento fluvial, que fan posible traballar de xeito continuo ao carón dos ríos e facilita actuar de urxencia en caso necesario, como sucede neste.

Esta programación é clave para a xestión integral dos ríos, xa que permite actuar sobre tramos especialmente sensibles mellorando a súa drenaxe e reducindo os puntos críticos asociados ao risco de avenidas. Algo que, á súa vez, permite minimizar os posibles impactos sobre núcleos urbanos, infraestruturas e actividades económicas.

Trátase dunha liña de actuación que Augas de Galicia quere reforzar no medio prazo e por iso incrementará o investimento destinado a tal fin nun 32,4%, pasando dunha media de 2,8 millóns de euros anuais a uns 3,7 millóns.

Cómpre lembrar que estes traballos inclúen a retirada de vexetación e obstáculos, o control de especies invasoras, a mellora da sección hidráulica dos leitos e outras actuacións para garantir o correcto funcionamento dos ríos, especialmente nas zonas máis sensibles por ter un maior risco de inundación.

Comparte este artigo