O BNG de Vigo denuncia unha demora “inxustificábel” de 108 días na licitación do bus urbano e alerta de inseguridade xurídica nun contrato de 470 millóns

Redacción

A fronte nacionalista acusa o Goberno de Caballero de “prolongar na precariedade” a prestación dun servizo esencial para as viguesas e vigueses, incumprindo case 11 veces o prazo máximo legal para a emisión dun informe

Xabier P. Igrexas: “Estamos diante dunha tramitación absolutamente chapuceira nun dos contratos de maior volume da historia da cidade, que demostra a incapacidade de xestión do Goberno municipal”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo expresou a súa “grave preocupación” pola demora que acumula o procedemento de licitación do novo contrato para a xestión do servizo de transporte urbano de Vigo. A fronte nacionalista advirte de que o informe técnico necesario para continuar coa tramitación continúa sen emitirse 108 días despois da súa solicitude, malia que o prazo legal para elaboralo era de 10 días hábiles.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, denunciou que esta situación está a provocar “unha evidente inseguridade xurídica” nun procedemento para adxudicar un contrato cun valor estimado de preto de 470 millóns de euros.

O pasado 12 de marzo, a Mesa de Contratación procedeu á apertura do sobre B, correspondente aos criterios sometidos a xuízo de valor e solicitou ao servizo municipal de Transportes o informe de valoración das ofertas, un documento imprescindíbel para continuar a licitación. Segundo lembrou o BNG, o prazo legal de 10 días hábiles para a súa emisión concluíu o 27 de marzo.

Seis autoprórrogas

Desde entón, o servizo xestor comunicou ata en seis ocasións novos atrasos na entrega do informe, fixando sucesivamente distintas datas que nunca chegaron a cumprirse.

Segundo detallou Igrexas, o 30 de marzo informouse de que o documento estaría listo o 30 de abril; o 7 de maio adiouse ao 18 de maio; o 15 de maio ao 8 de xuño; o 21 de maio ao 12 de xuño; o 18 de xuño ao 26 de xuño; e o 26 de xuño volveu comunicarse unha nova demora de entre sete e dez días. No entanto, “o informe continúa sen emitirse 108 días despois, case once veces o prazo legal”, advertiu.

Na última Xunta de Goberno Local, o Executivo municipal limitouse a instar os funcionarios responsábeis a “priorizar de forma inmediata os traballos técnicos de valoración pendentes, asegurando a súa finalización sen máis demoras”, unha decisión que o BNG considera insuficiente.

Para Igrexas, esta situación evidencia unha xestión deficiente dun dos contratos de maior relevancia económica da historia do Concello.”Estamos diante dunha tramitación absolutamente chapuceira nun dos contratos de maior volume da historia da cidade, que demostra a incapacidade de xestión do Goberno municipal”, afirmou.

O portavoz nacionalista advertiu ademais de que esta demora prolonga unha situación de provisionalidade na prestación do transporte urbano, ao manterse o servizo baixo unha prórroga contractual.

“É inaceptábel que un servizo absolutamente esencial para as viguesas e os vigueses continúe condicionado pola incapacidade do Goberno de Abel Caballero para tramitar unha licitación”, concluíu Igrexas.

Comparte este artigo