Os establecementos comerciais que queiran participar teñen ate o 15 de xuño para adherirse a esta campaña
Os rapaces e rapazas do Concello de Ourense disporán dunha axuda de 20 € para mercar un libro, que se poderá efectuar a partir do 23 de xuño
O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe as bases e convocatoria para a concesión de axudas en especie para a adquisición de libros, destinadas a nenos e nenas empadroados/as no concello de Ourense coa finalidade de potenciar os hábitos de lectura e o acceso á cultura deste sector de poboación.
As adquisicións de libros poderanse realizar dende o 23 de xuño de 2021 ate o 14 de agosto de 2021.
Os establecementos comerciais que queiran participar deberán presentar unha solicitude de participación perante o Concello de Ourense, con data límite do 15 de xuño de 2021. A solicitude pode presentarse no Rexistro Xeral ou no Rexistro da sede electrónica usando o modelo de solicitude xenérica.
Nesta solicitude deberá indicar a súa disposición para participar nesta campaña, os seus datos identificativos e un correo electrónico para as comunicacións. A solicitude de participación implica a aceptación destas bases e contar cos medios informáticos necesarios para poder executala, sendo os mínimos: un dispositivo electrónico con conexión a internet co que poder acceder ao aplicativo de xestión da campaña.
As persoas beneficiarias poderán ser as que reúnan os seguintes requisitos: ter nacido no ano 2003 en adiante; estar empadroadas no Concello de Ourense na data de publicación destas bases no BOP.
A contía desta axuda terá como límite a entrega dun libro por persoa beneficiaria, cun custo máximo de 20 euros (IVE incluído). As diferenzas que puidesen existir entre a contía máxima subvencionada e o importe do libro irán por conta da persoa beneficiaria.
As persoas beneficiarias desta axuda poderán adquirir o libro en calquera dos establecementos adheridos a esta convocatoria. A estes efectos, publicarase unha listaxe de establecementos na web: https://libros.concellodeourense.es.



