HomePontevedraO PP presenta unha moción, na Deputación, para frear a implantación de...

O PP presenta unha moción, na Deputación, para frear a implantación de peaxes nas autovías

- Anuncio -spot_img

Os deputados provinciais Jorge Cubela, Alfonso Marnotes e Carmen Amoedo, esixirán que non se poña en marcha a subida de impostos nin novos tributos nas autovías

“Hai un plan oculto para subir as rendas ás clases medias por parte do Goberno central, e o PSOE e o BNG na Deputación van ter que retratarse”, afirman

Os deputados provinciais Jorge Cubela, Alfonso Marnotes e Carmen Amoedo compareceron, en rolda de prensa, para explicar a moción que o grupo provincial presentará, mañá, no pleno da Deputación de Pontevedra, na que se insta, por exemplo, a que o Goberno central cesamento no seu intento de implantar peaxes nas autovías.

Jorge Cubela afirmou que “hai moitas razóns polas que o Goberno central non debería subir os impostos aos cidadáns da provincia, aos autónomos e ás empresas. Este machadazo fiscal vai supoñer a maior carga fiscal do últimos dez anos. É un erro pretender recadar 9.000 millóns de euros pola vía do incremento fiscal en plena incerteza sanitaria fronte a medidas de recorte do gasto público como podería ser reducir os propios cargos ministeriais ou asesores. É un erro afogar ás clases medias e traballadoras da provincia. A carga fiscal que xa soportan os autónomos e cidadáns é excesiva e o esforzo fiscal é xa un 8% superior á media europea. Cremos que é necesario tomar medidas de impulso económico e de reactivación empresarial e iso pasa por baixar os impostos, nunca por subilos”.

Por iso, o grupo provincial do PP presenta unha moción na que se solicita ao pleno da Deputación a que inste o Goberno de España a anular o incremento de impostos incluídos nos Orzamentos Xerais do Estado para 2021; a non poñer en marcha as subidas de impostos, os novos tributos e as peaxes nas autovías e autoestradas españolas incluídas no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia; e a descartar a eliminación dos beneficios fiscais que figuran no documento enviado á Unión Europea.

Pola súa banda, Carmen Amoedo asegurou que “non podemos esquecernos de que están a falar de cobrarnos posibles peaxes nas autovías cando seguen sen levar a cabo o acordo tomado en 2018 de supresión da peaxe da AP9 en Redondela. Non podemos entender como unha infraestrutura básica e vital para a dinamización económica de toda nosa Área metropolitana segue sendo unha das máis caras de España e é un agravio comparativo respecto a outras Comunidades Autónomas. Pedro Sánchez comprometeuse a que aparecería esa supresión nos Orzamentos Xerais do Estado, estamos en xuño, e seguimos pagando. Ademais, en xaneiro deste ano, sufrimos outro incremento da peaxe para amortizar unhas obras de mellora a Chapela e San Vicente de Trasmañó que non chegaron. Pedro Sánchez debe 2 millóns de euros aos redondelanos en obras de melloras que seguimos esperando, pero acabóusenos a paciencia. É unha tomadura de pelo. Este goberno de esquerdas masacra á clase media e obreira do noso país”.

Por último, Alfonso Marnotes engadiu que “hai un plan oculto do goberno para subir os impostos ás rendas medias. Decatámonos de que se van a implantar pagos por uso en todas as estradas de alta capacidade, non só nas do Estado senón tamén nas autonómicas. A nosa provincia queda nunha situación moi difícil porque temos a AP9, A52, a A55, a do Morrazo e a do Salnés”.

“É especialmente doloroso porque atacar a estas vías é atacar a competitividade das empresas da nosa área. E que vai pasar, por exemplo, coa VG20, que tamén é estatal, ou no tramo de Puxeiros a Teis da AP9? É un despropósito que se queira facer unha subida de impostos, que se queira cobrar polo uso das autovías e autoestradas de alta capacidade. Por iso, cremos que o lugar onde debe de falarse é na Deputación, que é a que nos agrupa a todos e ten que alzar a voz #ante Madrid. O PP teno moi claro. Que vai facer o bipartito de Carmela Silva e o BNG na Deputación Van opoñer? Imos ter que retratarnos todos mañá”, concluíu.

Publicacións Relacionadas