Unha trintena de rapaces con diabetes tipo 1 participan nas actividades que se desenvolven por primeira vez no municipio
A Asociación de nenas, nenos e xente nova con diabetes (Anedia) desenvolve o seu quinto campamento de verán para a rapazada, sendo neste ano a primeira vez que o celebran en Ribeira. O Concello colabora na realización destas actividades que reúne a unha trintena de rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 12 e os 17 anos, así como unha quincena de monitorado e voluntariado, que proceden de distintos puntos da xeografía galega e padecen diabetes tipo 1.
O concelleiro de Sanidade, Vicente Mariño, desprazouse na tarde de onte ata a praia de Coroso onde se atopaban facendo deportes náuticos como kayak e paddle surf.
A xuízo do edil, “é importante apoiar dende as Administracións públicas o desenvolvemento destas iniciativas que non só ofrecen actividades de lecer, senón que tamén posibilitan que a rapazada con diabetes tipo 1 aprenda a como regular o consumo de alimentos en función do esforzo físico que realicen. E esta é a primeira vez que o campamento de Anedia ten lugar en Ribeira.”
A maiores, as actuais dependencias do Concello de Ribeira continúan albergando a mostra A Orixe: a diabetes, un camiño de vida, promovida por Anedia, coa colaboración da Asociación Amigos do Camiño de Santiago do Barbanza e do Sar A Orixe, e integrada por 19 paneis. Trátase dun proxecto que busca amosar e sensibilizar sobre a realidade das persoas con diabetes e as súas familias dende ese punto de partida que representa o diagnóstico para retratar as diferentes etapas.

