O Concello de Carballo estenderá a rede de abastecemento de auga potable na parroquia de Artes cun investimento de preto de 300.000 euros

Redacción

O proxecto, redactado pola Oficina Técnica Municipal, beneficiará directamente os lugares de Almacén, As Pallas, O Xamozo, Baltar, Vilar de Francos e Picoto

O Concello de Carballo continúa avanzando no seu compromiso de dotar de servizos básicos todo o territorio municipal e mellorar a calidade de vida da veciñanza. Co obxectivo de seguir estendendo a rede municipal de abastecemento no ámbito rural, o Goberno local vén de impulsar o proxecto para completar o servizo na parroquia de Artes, cunha nova rede desde o lugar de Almacén ata Vilar de Francos e outros núcleos próximos.

A actuación suporá un investimento de 299.587,46 euros. O proxecto foi redactado pola Oficina Técnica, e atópase nestes momentos en fase de licitación pública. As empresas interesadas teñen de prazo ata o 29 deste mes de xullo para presentar as súas ofertas.

A actuación permitirá estender o servizo municipal de abastecemento de auga potable na parroquia de Artes. O entronque coa rede xeral existente realizarase no lugar da Igrexia e, desde ese punto, as novas conducións estenderanse cara ao resto dos núcleos incluídos na actuación. As obras beneficiarán directamente os lugares de Almacén, As Pallas, O Xamozo, Baltar, Vilar de Francos e Picoto, que actualmente carecen do servizo municipal de abastecemento. Ademais, a actuación permitirá pechar a malla coa rede existente desde o núcleo da Ponte Nova, o que supón a mellora da garantía e a continuidade da subministración.

O proxecto prevé a instalación de 4.525 metros de tubaxes de polietileno de alta densidade. No núcleo do Xamozo aproveitarase a execución das obras para instalar tamén un tramo de aproximadamente 250 metros de rede de saneamento. O prazo de execución será de nove meses.

A intervención enmárcase na planificación municipal en materia de abastecemento, iniciada co estudo director elaborado en 2009 e actualizado en 2014. Entre os seus obxectivos figuran garantir as necesidades actuais e futuras de auga potable, corrixir posibles situacións de insuficiencia de caudal ou deficiencias de calidade, interconectar os diferentes sistemas municipais e renovar progresivamente as antigas redes de fibrocemento.

Comparte este artigo