A parroquia de Aguiño busca o amparo de Virxe do Carme neste 16 de xullo, festivo local

Redacción

 Palmeira e Corrubedo tamén honran á patroa da xente do mar

Cada 16 de xullo conmemórase o día da Virxe do Carme, patroa da xente do mar; unha data con especial relevancia para os pobos costeiros como o de Aguiño que, neste ano, é festivo local para todo Ribeira. A parroquia viviu con especial emotividade a súa xornada grande, enmarcada na programación das festas, e á que asistiu a alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, xunto ao concelleiro de Festexos, Fernando Abraldes, e demais autoridades.

Primeiramente, oficiouse misa no templo parroquial, ás 11.30 horas, para despois saír en procesión terrestre e continuar coa comitiva polo mar a bordo dun catamarán para, á altura da Forcadiña, facer a ofrenda floral en recordo de tódolos que pereceron no mar. No periplo polas augas tamén participaron diversas embarcacións que quixeron render tributo á Estrela do Mar.

Homenaxe noutras parroquias

As parroquias de Corrubedo e Palmeira tamén ofician a súa homenaxe á Virxe do Carme con misa e procesión neste 16 de xullo.
Na primeira, ás 18.00 horas, e, na segunda, ás 19.00 horas.
Cómpre lembrar que Ribeira dedicará o día á patroa da xente do mar no 1 de agosto, ao abeiro da axenda das festas do verán como xa é costume. A misa solemne será cantada pola Coral do Circuíto Mercantil de Ribeira, ás 18.30 horas, na lonxa nova. Despois, sairá a procesión marítima e terrestre coa actuación das Cantareiras de Amas de Casa de Ribeira, na lonxa, durante a comitiva por mar. No desenvolvemento deste oficio colaboran Alfaia e Amas de Casa.

Doutra banda, Castiñeiras fará o propio durante os seus festexos patronais coincidindo coa penúltima semana de agosto.

Comparte este artigo