As instalacións habilitadas polo Goberno local, inauguradas en novembro acolleron un gran número de actividades
A Concellería de Benestar Social organiza o día 27 unha xornada moi especial para conmemorar o Día dos Avós, con encontros entre persoas maiores e crianzas, xogos tradicionais e animación musical
O curso 2025-2026 do programa de actividades para persoas maiores promovido polo Concello de Caldas de Reis, a través da Concellería de Benestar Social e do Maior, contou con preto de 400 participantes, na tempada que supuxo a estrea das instalacións do Fogar do Maior. As dependencias, inauguradas en novembro de 2025, resultaron todo un éxito. O Goberno local promoveu a dotación desta infraestrutura atendendo ás demandas veciñais, que reclamaban un espazo amplo, preto do núcleo urbano e con espazos para estacionar nas proximidades no que as persoas maiores puidesen desenvolver diferentes actividades. O Centro conta cunha superfice de 900 metros cadrados aproximadamente e emprázase no número 5 do Camiño Sardanela.
Dos 390 usuarios e usuarias da programación, a meriande parte (350 en total) participaron en máis dunha das actividades programadas, o que reafirma o éxito destas propostas. Entre as máis demandadas figuraron Estimulación Cognitiva, Ximnasia de Mantemento, Pilates, Ximnasia Abdominal Hipopresiva, Novas Tecnoloxías, Cestería e Natación Terapéutica. Tamén tiveron moi boa acollida outras iniciativas puntuais como os cursos de elaboración de coiro, xabóns artesanais, broches de madeira, risoterapia e charles sobre saúde. O alcalde, Jacobo Pérez, participou no acto de clausura do curso, que tivo lugar a principios deste mes de xullo, e que incluíu un xantar e baile no propio Fogar do Maior. Ademais, tamén se repartiron diplomas acreditativos entre os máis de 100 asistentes. O rexedor sinalou que o departamento de Benestar Social xa está a traballar na programación do vindeiro curso, no que “trataremos de incorporar as suxestións que nos achegan os maiores, para continuar mellorando as prestacións que se ofrecen nestas instalacións, cuxa apertura supuxeron un fito para o noso concello e que son un referente en toda a bisbarra”.
Día dos Avós
O vindeiro domingo 26 de xullo celébrase o Día Dos Avós. Para conmemorar esta data, o Concello de Caldas de Reis celebrará o luns 27 unha xornada moi especial, na que maiores e crianzas serán protagonistas, para render homenaxe e recoñecer o papel fundamental que desenvolven os avós e avoas nas familias e na nosa sociedade.
Pola mañá, un grupo de veciños e veciñas da terceira idade visitarán a Ludoteca Municipal para achegarlle aos activos e cativas algunhas cancións que soaban cando eran mozos e contarlles contos e lendas sobre Caldas de Reis. Pola tarde, de 19.00 a 21.00 horas, haberá xogos populares e actuais no Parque do Maior, na Tafona, que é outro dos espazos habilitados polo Concello neste último ano. Alí, tamén haberá animación musical, merenda e moitas sorpresas.

