A fronte nacionalista pide revisar o Plan de Acción 2026-2029 para mobilizar un mínimo de 70 millóns de euros e facer da rehabilitación unha ferramenta contra a crise da vivenda priorizando o alugueiro
Xabier P. Igrexas: “O Casco Vello ten que ser un barrio para vivir, e non só para visitar ou consumir hostalaría; urxe un motor público de alugueiro social fronte á especulación turística”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo reclamou unha revisión “profunda e ambiciosa” do Plan de Acción 2026-2029 do Consorcio do Casco Vello, co obxectivo de reforzar o seu papel como instrumento público para garantir o acceso á vivenda e combater os efectos da xentrificación no centro histórico de Vigo.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, advertiu de que a cidade “non pode seguir tolerando a parálise nin a inacción fronte á maior crise habitacional que sofre”, lembrando que existen máis de 10.000 familias inscritas como demandantes de vivenda protexida. Nese contexto, alertou do impacto que a proliferación dos pisos turísticos está a ter sobre o Casco Vello, “expulsando veciñanza e impedindo a chegada de nova en favor da especulación”.
Mobilizar 70 millóns de euros
A fronte nacionalista considera que o actual Plan de Acción do Consorcio resulta claramente insuficiente para responder aos desafíos habitacionais da cidade e demanda un aumento substancial no investimento público.
Con ese obxectivo, propón multiplicar por dez o orzamento previsto para o período 2026-2029, pasando dos 7,1 millóns de euros actualmente aprobados a un investimento conxunto de, como mínimo, 70 millóns.Para facelo posíbel, o BNG insta tanto á Xunta de Galiza como ao Concello de Vigo, administracións que integran o Consorcio, a incrementaren as súas achegas económicas.
“Non nos valen os parches nin as políticas de escaparate. O Consorcio necesita un novo rumbo e moitos máis recursos para responder á emerxencia habitacional que vive Vigo”, defendeu Igrexas.
Priorizar o alugueiro
Xunto ao incremento do financiamento, o BNG reclama unha reorientación das actuacións do Consorcio do Casco Vello para que deixe de centrar a súa actividade “case en exclusiva na compravenda” de inmóbeis e pase a impulsar políticas públicas de alugueiro social e accesíbel.
Segundo explicou Igrexas, o actual modelo “está esgotado e non responde ás necesidades das maiorías sociais”, polo que o Consorcio debe converterse “nun verdadeiro motor público que facilite alternativas reais de acceso á vivenda”.”Fronte ao avance depredador dos pisos turísticos necesitamos vivenda para as mozas e mozos, para as familias traballadoras e para garantir que o Casco Vello continúe sendo un barrio vivo”, afirmou.
O portavoz municipal nacionalista concluíu reclamando unha maior cooperación entre Xunta e Concello para afrontar a crise habitacional. “Vigo precisa unha política de vivenda decidida, xusta e transformadora, que garanta o primeiro dereito da cidadanía: o de poder habitar a súa propia cidade”, rematou.

