Están ultimando xa a parte teórica
O alumnado do obradoiro de emprego Tahume XI, que comparten e impulsan en colaboración os concellosde Ribeira e O Porto do Son, afronta as últimas clases teóricas para levar todo o aprendido á práctica.
Nestes días concluíu a formación en prevención de riscos laborais, tanto na súa parte común como na concreta de cada especialidade; un requisito imprescindible para desenvolver o traballo con tódalas garantías de seguridade.
Tamén remataron os módulos de igualdade e os primeiros das especialidades de carpintería e forestal, nos que o grupo amosou implicación e evolución.
Xa recibiron, ademais, os equipos de protección individual (EPI) cara o inicio de dar o salto á obra; abrindo así unha nova etapa na que seguir medrando a nivel persoal e profesional e que se lles abran novas portas no mundo laboral.
A concelleira ribeirense de Promoción Económica, Carmen Pérez, refírese a este programa como “unha ferramenta para aprender e levar á práctica tódolos coñecementos adquiridos, mellorando así as perspectivas de empregabilidade ao formar en especialidades con demanda de traballadores. Ademais, esta nova edición constata que, as precedentes, foron todo un éxito e esta convocatoria vai polo mesmo camiño.”
Desenvolvemento do obradoiro
Este programa botou a andar no pasado mes de xuño; período no que un total de 20 persoas comezaron a formarse. Combina tanto formación teórica como práctica, e ten o obxectivo de mellorar a empregabilidade das persoas dos dous concellos, onde o alumnado recibe formación no ámbito profesional de forestal e de produción de carpintería e moble.
Durante nove meses asisten ás especialidades de Aplicación de vernices e lacas en elementos de carpintería e moble; Actividades auxiliares en aproveitamentos forestais; Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes; e Traballos de carpintería e moble.
A maiores da formación específica de carpintería e forestal, o alumnado recibe formación en competencias dixitais, igualdade, medio ambiente, orientación laboral ou autoemprego, entre outras.
Este obradoiro conta co apoio da Consellería de Emprego Comercio e Emigración, que aporta unha achega de 546.552 euros para esta iniciativa de emprego.

