O Concello de Ribeira promove esta actividade coa colaboración de diversas empresas locais
O litoral ribeirense volverá ser escenario para a creatividade da rapazada coa terceira edición da xuntanza de esculturas de area que fará parada no domingo, 26 de xullo, na praia da Ladeira, en Corrubedo, de 10.00 a 20.30 horas.
Trátase dunha cita que promove o Concello de Ribeira, coordinada por Suso Paz e que conta coa colaboración de diversas empresas locais. Celebrarase así a súa segunda parada no que vai de ano despois do seu paso pola praia do Porto, coincidindo coas festas de Aguiño.
Poderán participar tódolos nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e 12 anos, xunto ás súas familias. O concelleiro de Mar e Promoción do Litoral, Fernando Abraldes, destaca que esta actividade xera “un espazo de encontro interxeracional onde desfrutan tódolos membros da familia. Xa estivemos en Aguiño nas pasadas datas e agora desprazámonos ata Corrubedo para seguir desfrutando deste evento con gran éxito de participación cada verán. Os nosos areais convértense novamente en zonas para a expresión artística, gozando dunha maneira diferente da nosa costa e poñendo en valor os nosos recursos naturais e paisaxísticos vinculados ás zonas marítimas.”
As esculturas unicamente poderán ser realizadas con material e utensilios propios da praia como caldeiros, pas ou rastros e só se permite a auga como método para aglomerar a area.
O equipo de Ágape exercerá novamente de xurado das esculturas, repartindo premios elaborados por SonAgasallo.
As inscricións realizaranse na oficina de Turismo con teléfono de contacto 981 873 007.

