Vinte establecementos hostaleiros de Ribeira fórmanse no protocolo de actuación ante a violencia sexual e LGTBIfóbica

Redacción

 A alcaldesa, María Sampedro, e o director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, entregaron os diplomas

A Dirección Xeral de Violencia de Xénero, coa colaboración do Concello de Ribeira, impartiu a unha vintena de establecemento hostaleiros o curso Formación sobre o protocolo de actuación ante a violencia sexual e LFTBIfóbica en locais de lecer nocturno. Unha vez rematada esta formación, a alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, e o director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, fixeron entrega dos diplomas aos participantes nun acto no que tamén estivo presente a concelleira de Igualdade, Ana Barreiro.

Na súa intervención, a rexedora manifestou o agradecemento “polo voso compromiso a favor dunha sociedade cada vez máis xusta e igualitaria. O Concello de Ribeira está fortemente comprometido na eliminación da violencia de xénero, o apoio ás vítimas e o avance cara a igualdade. Proba disto son as políticas que desenvolvemos en materia de igualdade co traballo que se facemos dende o Centro de Información á Muller, as mesas de coordinación institucional ou a activación dos puntos violeta en celebracións como sucede actualmente coa Festa da Dorna. Todo canto sexa necesario para que tódalas persoas nos sintamos seguras, libres e iguais.”

Pola súa parte, o director xeral destacou que o curso é unha ferramenta de prevención e sensibilización que converte aos locais participantes “nun espazo máis seguro.”

Este curso xurdiu das reunións de coordinación interinstitucional sobre violencia de xénero que se celebran no municipio dúas veces ao ano, pois identificouse a necesidade de formar ao persoal da hostalaría para xestionar este tipo de situacións, dado que poden presenciar incidentes ou ser o primeiro punto de contacto para as vítimas.

A formación impartiuse en liña na súa totalidade con diferentes franxas horarias para adaptarse á dispoñibilidade dos establecementos participantes e tivo unha duración total de 10 horas: 4 horas de formación en directo (divididas en 2 sesións prácticas) e 6 horas de contido en liña flexible.

Contido do programa

Durante o curso, os locais participantes aprenderon cun enfoque práctico a detectar situacións de violencia sexual e LGTBIfóbica; a actuar de xeito axeitado ante un incidente; a aplicar o protocolo na realidade do propio establecemento; e a implantar medidas de prevención e mellorar a seguridade.

Adhesión ao protocolo

A maiores do curso, os establecementos formalizarán a súa adhesión ao protocolo Agresión OFF mediante a sinatura de solicitude e dunha declaración de cumprimento, comprometéndose a respectar as medidas e procedementos establecidos.

Comparte este artigo