A Banda da Loba, as poetas Helena Salgueiro, Estíbaliz Espinosa, Vanessa Glemsel e Nuria Vil serán mañá xoves as encargadas da homenaxe á autora galega
O público interesado aínda pode reservar praza para asistir, xa que o acto será na Ferrería e poderase aumentar o aforo inicial
A escritora, poeta, tradutora e profesora de galego Xela Arias, á que a Real Academia Galega acordou dedicarlle este ano o Día das Letras Galegas 2021, será a protagonista mañá xoves día 3 do espectáculo multidisciplinar que o departamento de Lingua da Deputación celebrará en Pontevedra.
Tras cancelar pola chuvia o pasado 14 de maio, a praza da Ferrería será, ás 20.30 horas, o escenario definitivo do espectáculo ‘X Xela’, un evento multidisciplinar no que todo tratará en torno a obra da autora misturando tres formatos (música, poesía e fotografía e audiovisuais). “Será un show dinámico, atractivo e 100% feminino para homenaxear a unhapoeta tan singular”, apunta a deputada María Ortega, que subliña que a asistencia é gratuíta, podendo reservar aínda praza –xa que o cambio de ubicación permitiu un aumento do aforo- a través do formulario existente en www.depo.gal.
A parte musical do evento correrá a cargo da Banda da Loba, unha formación galega que está a revolucionar a música galega coa mestura de música e literatura, que musicará poemas de Xela Arias dende formatos máis tenros ata o punk rock pasando polo country ou o bolero. A parte de fotografía tómase das imaxes de Xulio Gil, viúvo da homenaxeada e Premio da Crítica Galega con máis de corenta anos de traxectoria.
A parte poética de ‘X Xela’, comisariada por Tamara Andrés, contará con catro poetas que representan, comparten a forza e a linguaxe poética da homenaxeada: “Helena Salgueiro, que ten a poesía incrustada no corpo; Estíbaliz Espinosa, unha poeta cos pés na terra, a ollada no ceo e a lingua e o corazón cheos de curiosidade; e Nuria Vil e Vanessa Glemsel, que teñen o proxecto ‘Dúas gamberras e un micro’, que son rebeldes e denunciadoras de desequilibrios e lanzan frases coma frechas. O espírito de Xela estará moi presente”, subliña a comisaria.



